O Concello de Redondela organiza este xoves, 18 de xullo, unha proxección de cinema ao aire libre de carácter solidario.
A cita, que comezará ás 19:30 horas na fachada principal da Casa do Concello, está organizada xunto á ONG Solidariedade Internacional de Galicia, en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
A actividade consiste na proxección de varias curtametraxes vencelladas ao proxecto de cooperación que Solidariedade Internacional de Galicia está a desenvolver en Guatemala, co financiamento do Fondo Galego.
Ao rematar as proxeccións haberá tempo de comentar e debater sobre diferentes aspectos relacionados co proxecto e mais coas curtametraxes: soberanía alimentaria, seguridade e hixiene alimentarias ou o dereito a unha vivenda digna, en relación cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.
Esta actividade busca “ocupar o espazo público para favorecer a accesibilidade do conxunto da poboación coas accións de cooperación, de sensibilización e de concienciación social”.