Mércores, 30 Outubro de 2024

O Banco de Alimentos precisa de voluntarios en Ponteareas para a “Gran Recollida”

A Fundación Provincial Banco de Alimentos volverá a desenvolver a Gran Recollida en Ponteareas despois de anos sen poder realizala por falta de persoal. Iso si, para conseguilo con éxito precisa mobilizar un cento de voluntari@s os vindeiros 22 e 23 de novembro.

A campaña solidaria desenvolverase nos distintos supermercados adheridos á convocatoria a nivel nacional da Federación Española Bancos de Alimentos (FESBAL). Haberá marea azul recollendo comida, concretamente, nas dúas superficies comerciais de Eroski, así como, no Gadis de Ponteareas.

O regreso da GR2024 a dita localidade débese, en gran parte, á implicación e ao compromiso demostrado tamén pola comunidade educativa de dous colexios: o Santiago Apóstolo e La Inmaculada.

Para ser voluntari@ da Gran Recollida 2024 (GR2024) só hai que dispor de catro horas libres e darse de alta en na web do Banco de Alimentos ou chamar directamente ao teléfono 986 263022.

GR2024 a nivel provincial

A Fundación Provincial Banco de Alimentos precisa uns 2.000 voluntari@s para a súa GR2024 que se celebrará en arredor de 125 supermercados de toda a provincia de Pontevedra. A campaña, como en anos anteriores, volverá ser en formato mixto; é dicir, nalgúns supermercados permitirase a presenza da nosa marea azul que facilitará as doazóns físicas, ao tempo que informará da posibilidade de realizar tamén achegas económicas ao pasar pola caixa dos centros.

A nivel provincial, o obxectivo deste ano é igualar os 325.000 quilos de comida recadados durante a pasada GR2024, unha cifra máis que ambiciosa tendo en conta a situación actual de encarecemento dos prezos dos alimentos máis básicos e unha baixada xeneralizada das doazóns. A cidadanía segue achegando o seu gran de area, pero faino na medida do que pode cun poder adquisitivo cada vez máis mermado.