Arbo presenta en Lisboa a Festa da Lamprea

O Concello de Arbo preseentou a 59 Festa da Lamprea no Centro Galego de Lisboa, nun acto dirixido a socios e socias, autoridades e medios de comunicación da capital portuguesa. Esta presentación forma parte das iniciativas de promoción desta festa, declarada de Interese Turístico Nacional, que desenvolve o Concello. O alcalde de Arbo, Horacio Gil, foi o encargado de relatar as bondades desta celebración que mobiliza a toda a localidade durante semanas coas actividades xeradas ao redor dela.

festa lamprea presentacion lisboa02

Logo da presentación, os asistentes tiveron a oportunidade de degustar a lamprea preparada de varias maneiras segundo as receitas tradicionais e unha selección de viños das adegas de Arbo, con D.O. Rías Baixas. Mentres, Horacio Gil emprazaba aos portugueses a reencontrarse en menos dun mes alén do Miño.

Unha visita que sen dúbida merece a pena xa que Arbo engade, aos seus moitos atractivos, un museo dedicado á lamprea e ao viño, o Arabo; cinco rutas de sendeirismo, carreiras e outras actividades populares e varias festas ao longo do ano dedicadas a ela, aínda que esta, que se celebra sempre a última fin de semana de abril –do 26 ao 28 nesta ocasión–, coa veda de pesca aberta, é a máis importante.