O Centro Cultural da Guarda, presume de iluminación ornamental

Dentro das actuacións de carácter estético de realce do patrimonio que desenvolve o Concello da Guarda, como por exemplo o pintado do espigón ou a rotonda de San Roque, esta semana realizáronse os traballos tendentes a dotar de iluminación ornamental do Centro Cultural da vila, unha construción indiana que ben merece luminarias que destaquen a súa arquitectura nas horas nocturnas, actuando na fachada principal e fachada oeste, así como nas escaleiras de acceso e a zona axardinada da parte posterior.

Esta iluminación ornamental está xa en funcionamento dende o pasado mércores día 8 de maio, para o proxecto de iluminación ornamental do Centro Cultural da Guarda empregouse iluminación de tipo LED, con temperaturas de cor entre 3000k e 4000k, cumprindo cun aforro enerxético optimizado e destacando áreas específicas deste emblemático edificio co obxectivo de atraer a mirada cara a zonas, detalles ou particularidades arquitectónicas interiores ou exteriores, engadir profundidade ou texturas e matizar o aspecto xeral deste emblemático edificio da vila.

Esta iluminación conta cun sistema de programación horaria automatizado para poder controlar o acendido e apagado da mesma. O financiamento desta actuación realizouse a través do plan concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.