O Rosal comeza a dar forma á verdadeira participación veciñal

O Concello do Rosal vén de poñer en marcha un proxecto co que se pretende "fomentar e practicar" unha participación veciñal real e efectiva. A  iniciativa, que se desenvolverá baixo o nome de 'A veciñanza conta' busca que as veciñas e veciños sexan parte activa na xestión municipal.

Segundo explica o Concello, para mellorar "pouco a pouco o pobo" e planificar os orzamentos, o executivo que preside Ánxela Fernández Callís, considera que "é preciso escoitar cales son as cuestións e necesidades que temos que priorizar na xestión dos recursos".

Para conseguir este obxectivo, o pasado día 9 de xullo comezaban unha serie de reunións coas asociacións do municipio coa finalidade clara "de construír entre todos e todas o futuro do Rosal", conclúe o Concello.