15.6 C
Pontevedra
Domingo, 8 de Setembro de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelSara Vila Alonso, «Oito días sen Eva Cortes»

    Sara Vila Alonso, «Oito días sen Eva Cortes»

    «Oito días sen Eva Cortes» é a primeira novela de Sara Vila Alonso e con ela acadou o premio Illa Nova do ano pasado, un galardón enfocado aos novos valores da nosa narrativa. Estamos, xa que logo, perante unha autora moza, un primeiro traballo literario (cando menos, o primeiro publicado), e un galardón que na súa curta vida xa aportou algúns nomes de interese ao panorama contemporáneo. Suficiente para adentrarnos na súa lectura con curiosidade.

    O que atopamos é un relato inspirado no thriller, que nace a partir da desaparición dunha moza, Eva Cortes, na vila ficticia de Pontevella, no que asistimos ás pescudas realizadas por unha xornalista que debe cubrir a ausencia dun compañeiro de Sucesos e que, aos poucos, se verá involucrada na historia. Supoñemos que non é casual a elección da profesión de Antía, a xornalista á que acompañaremos ao longo da novela, pois tamén a autora exerce tal oficio, o que lle dá pé para inserir diversas reflexións sobre o papel do xornalismo contemporáneo, os medios de comunicación e a transformación da realidade nun mero espectáculo de masas que, máis que á información en si, atende ao retorno en función do número de exemplares vendidos, espectadores enganchados á televisión, ou a viralidade dun titular nunha web.

    Pero sendo este un tema enormemente interesante para o debate, non é o centro da narración. A desaparición da moza semella o típico caso de ausencia voluntaria logo dunha fin de semana de festa, pero as cousas non tardan en mudar e o caso vai collendo tintes máis escuros a cada paso que damos. O achegamento da xornalista á moza desaparecida revela as similitudes existentes entre ambas mulleres, de maneira que Antía acabará por descubrirse a si mesma como unha vítima máis dunha sociedade na que o feito de nacer muller ten implicacións importantes e, ás veces, demoledoras. O medo toma corpo ao longo da narración, así como a conciencia de que Eva Cortes podería ser calquera outra muller, e todo iso dota ao relato dun peso específico co que envolve o entorno da xornalista, que se verá afectada na súa vida persoal por todo o que está a acontecer.

    A presunta trama policial, polo tanto, vai collendo novos bríos a medida que nos imos adentrando na lectura, ata ofrecernos unha visión estarrecedora do acoso á muller e a violencia de xénero, así como unha visión bastante global da sociedade actual, coas súas virtudes e os seus defectos. E faino dende tres enfoques diferenciados: a narración en terceira persoa, que sustenta o groso da novela; a reprodución das novas publicadas cada día respecto do caso, nunha linguaxe, obviamente, máis xornalística; e máis unhas fermosas e enigmáticas páxinas dun diario escrito por Eva Cortes, que é o que nos ofrece as pistas definitivas para chegar á resolución do caso.

    Sen grandes sorpresas nin tramas reviradas, Sara Vila é quen de arrastrar ao lector a través das páxinas da novela xogando cun ritmo ben marcado e cunha perfecta dosificación da trama coa que consegue manter a atención do receptor. E todo isto non fai máis ca redundar na percepción de que, outravolta, o Illa Nova sinala a unha autora que podería ter moito que dicir nos vindeiros anos.

    Sara Vila Alonso

    Oito días sen Eva Cortes

    Galaxia