15.6 C
Pontevedra
Domingo, 8 de Setembro de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaO Concello da Guarda leva á Xunta aos tribunais pola denegación parcial...

    O Concello da Guarda leva á Xunta aos tribunais pola denegación parcial dunha subvención para socorristas

    Os feitos remóntane a maio do 2019, mes no que o Concello solicitaba do Servizo de Emprego e Economía Social da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, unha subvención con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C-20500489 por importe de 21.000 € para o cofinanciamento da contratación de 7 traballadores/as desempregados/as para o servizo de socorrismo das Praias con Bandeiras Azuis do municipio na época estival, Area Grande e O Muíño.

    No mes de setembro o Alcalde da Guarda solicitou a reducción da subvención a 6 traballadores por ser estes suficientes para cubrir as necesidades do servizo. Asimesmo, achegou a documentación xustificativa de que outro traballador fora contratado, por motivos alleos ao concello, 7 días máis tarde do previsto nas bases publicadas pola Consellería de Economía da Xunta. A contratación produciuse o 8 de xullo de 2019 en lugar do 1 de xullo. Dende o Servizo de Emprego e Economía Social da Consellería de Economía comunicaron ao concello que por este motivo perdían o dereito a totalidade da subvención para este traballador. Pasando a participación da Xunta de 18.000 € a 15.000 €

    No mes de outubro o Alcalde da Guarda presentou un recurso de reposición alegando que dos 6 candidatos que presentaron os papeis en tempo e forma, tan só 5 acudiron á realización das probas de selección unha vez finalizado o prazo de presentación da documentación esixida. Dende o concello non se entende como, por este motivo “revógase totalmente a subvención deste traballador reducindo o importe total en 3.000 €, cando tan solo se atrasou o tempo de contratación en 7 días”.

    Segundo o equipo xurídico do concello da Guarda, queda de manifesto que o grao de cumprimento do concello aproxímase, de xeito absolutamente significativo, ao cumprimento total das súas obrigas, polo cal se solicita recoñecer o dereito do concello da Guarda a recibir o importe proporcional da subvención concedida no seu día, por importe de 2.650 € polo socorrista contratado con data 8 de xullo de 2019.

    Unha vez finalizada a vía administrativa, despois de  que a Xunta desestimara o recurso presentado polo Alcalde da Guarda, o concello decidiu interpoñer un recurso contencioso-administrativo con data 3 de xaneiro de 2020 por non compartir as consideracións expostas na resolución por un suposto incumprimento total e non parcial, como se entende que foi o caso, esixindo a parte proporcional da subvención concedida inicialmente.

    Dende o concello recórdase que a non contratación en prazo deste socorrista non é responsabilidade municipal, senón consecuencia dun proceso selectivo que presenta, todos os anos e en moitos concellos, dificultades pola escasa oferta de traballadores. A Xunta e O Servizo de Emprego da Consellería de Economía deberían buscar as causas desta baixa demanda de emprego de socorristas e tomar as medidas que lle corresponden, por ser da súa competencia, para aumentar o número de socorristas titulados.

    A contratación de socorristas é necesaria para solicitar as Bandeiras Azuis para as praias. Moitos concellos, diante da dificultade de contratación de socorristas, teñen renunciado a solicitar esta distinción. A Xunta de Galicia debería facilitar máis a obtención de Bandeiras Azuis para as praias galegas polo que representan na promoción turística. Na actualidade son os concellos os máis penalizados a hora de conseguir estas distincións.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.