15.6 C
Pontevedra
Domingo, 8 de Setembro de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal lanza a web da súa Memoria Viva

    O Rosal lanza a web da súa Memoria Viva

    O portal dá acceso a todo o material que se vaia creando ao abeiro deste proxecto de recompilación do patrimonio inmaterial vivo do municipio

    O Concello de O Rosal lanzou a web do proxecto de memoria e patrimonio inmaterial Memoria Viva, un traballo plurianual que busca poñer en marcha un sistema de salvagarda dos bens intanxible do municipio, así como do coñecemento e da memoria que atesouran as persoas maiores do municipio.

    Nesta páxina estarán dispoñibles os vídeos documentais das persoas de idade que participen, nos que se recollen os coñecementos relativos a unha época, un oficio, unha tradición ou calquera elemento patrimonial de interese. Ademais, tamén poderán atoparse os libros de pequeno formato de cada un dos participantes, para ler na páxina ou descargable en formato pdf e epub para libro electrónico. Nesta primeira edición o Concello contou coa inestimable colaboración de Nemesio Castro e Marcola González e das súas familias, sen as que non sería posible ter chegado a realizar os traballos de documentación e gravación.

    Nemesio é un pequeno gran home. Forma parte do legado do Rosal e non só polo seu vínculo especial cun valor patrimonial fundamental para o noso pobo como son os muíños. Moi faladeiro, o dono do último muíño activo do Folón e do Picón, fala sempre da súa terra e dos rosaleiros e rosaleiras con orgullo e paixón.

    Marcola é unha muller avanzada aos seus tempos, que sempre foi un paso por diante da realidade que lle tocou vivir, rachando barreiras e teitos de cristal. A súa é unha historia de impoñerse aos tempos, á idade, ás adversidades e a calquera que a considerara unha persoa do montón.

    A alcadesa de O Rosal, Ánxela Fernández, destacou que este proxecto “nace polo desexo de que non desapareza unha parte importante da nosa memoria individual e colectiva, de conservar esas historias que non están nos libros pero que son tan importantes para nós como rosaleiras e rosaleiros”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.