15.6 C
Pontevedra
Domingo, 8 de Setembro de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalObradoiros, música, charlas e arte para camiñar cara á igualdade no Rosal

    Obradoiros, música, charlas e arte para camiñar cara á igualdade no Rosal

    O Rosal avanza no seu compromiso a prol da igualdade e contra a violencia machista. Para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello organizará obradoiros, concertos, charlas, exposicións e diferentes accións de visibilización coas que concienciar e sensibilizar á veciñanza. Unha morea de accións de carácter transversal “coas que continuamos revolucionando mentes e dando pasos para facer do Rosal un lugar máis igualitario no que non teña cabida a violencia machista”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

    A campaña arrancou este mesmo luns coa colocación dun valado publicitario que incide na campaña contra o acceso dos menores á pornografía, unha iniciativa que dá o pistoletazo de saída a toda unha serie de actividades que desenvolverá o Concello durante este ano e o vindeiro para concienciar e sensibilizar ás familias. Todas as accións que se desenvolvan neste camiño contan co financiamento de fondos do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.

    Xa o martes 21 de novembro inaugúrase unha nova edición da exposición ‘Eu Tomo Partido’, que nesta edición contou coa colaboración da Unión Deportiva Ribera con parte da directiva e persoal técnico do club, que coa súa imaxe amosan o seu rexeitamento á violencia de xénero.

    O mércores 22 os obradoiros toman as aulas. O Concello impartirá a última sesión do obradoiro de afectividade e sexualidade ao alumnado de 3º ESO do CPI Manuel Suárez Marquier, no que se traballan conceptos como o consentimento nas relacións, o bo trato e a sexualidade. Pola súa banda, 90 cativos e cativas de educación infantil do CRA María Zambrano  traballarán na igualdade co obradoiro ‘Corresponsabilidade no forno de pan’. Unha proposta baseada no libro de Maruxa e Pepiño de Eva Mejuto no que a través do teatro amósase que as tarefas domésticas son máis amenas se se comparten entre todas as persoas que viven nunha casa. O taller remata con todos os nenos e nenas poñéndose mans á masa e facendo un riquísimo pan.

    O xoves 23 a campaña do 25N esténdese a todo o concello con ‘Senta e pensa no último machismo ante o que calaches’. Serán seis paneis que se situarán no CPI Manuel Suárez Marquier, na Biblioteca Municipal, no Concello, no Auditorio municipal, no Centro Social e no Centro de Saúde para convidar a toda a veciñanza a reflexionar sobre o papel da testemuña nos casos de machismo. A campaña está financiada polo Pacto de Estado contra a Violencia.

    A música chega ás aulas da ESO do CPI o venres 24 co obradoiro ‘Mulleres na música’, un pequeno concerto en directo con anécdotas, citas e detalles curiosos das compositoras co que concienciar ao alumnado da importancia, incidencia e marxinación das mulleres na música ao longo do tempo. A actividade finalizará coa interpretación dunha peza musical para todo o centro como peche das actividades do 25N.

    O Concello anima a toda a veciñanza a participar o propio 25 de novembro na concentración que se celebrará no salón de actos do Concello ás 12.00 horas, no que todos os grupos da Corporación municipal lerán un manifesto. Contará coa colaboración da Agrupación Musical do Rosal e a actuación á frauta de Antía Domínguez.

    A actividade continuará ás 12.30 horas coa inauguración da exposición ‘Mulleres que inspiran’, unha mostra que busca render homenaxe ás avoas, nais… e recoñecer o labor destas mulleres como piares das familias e da sociedade. Xa ás 19.30 horas a Agrupación Musical do Rosal ofrecerá no auditorio municipal o seu tradicional concerto de Santa Icía, que este ano incidirá na visibilización do papel da muller nas artes.

    A programación do 25N rematará xa o vindeiro xoves 30 de novembro cunha nova sesión dos Cafés en Igualdade, que centrará a súa charla nos ciberdelitos con enfoque de xénero. A axente da Garda Civil Elena Domínguez afondará nestas cuestións a partir das 17.30 horas na Cafetería Juan.

    Como colofón, a Maleta viaxeira comeza o seu percorrido polo Rosal coa primeira parada na Biblioteca municipal. Unha mochila con numerosos materiais e recursos formativos en igualdade e para a loita contra a violencia machista que permitirá á veciñanza ter ferramentas para combater as violencias contra as mulleres.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.