15.6 C
Pontevedra
Domingo, 8 de Setembro de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoAlumnado de Tomiño aprende a poñer o respecto no centro das relacións...

    Alumnado de Tomiño aprende a poñer o respecto no centro das relacións afectivas e sexuais

    Traballar co alumnado e as súas familias a igualdade de xénero, a prevención e o rexeitamento das violencias machistas. Ese é o obxectivo de ‘Así, si!’, un programa a través do que a OMIX de Tomiño leva a educación afectiva e sexual con perspectiva de xénero ás aulas do IES Antón Alonso Ríos. A través de varias sesións dinámicas e adaptadas ao nivel educativo, o alumnado aprendeu a poñer o consentimento e o respecto no centro de calquera relación, resolvendo dúbidas conceptuais e posibles conflitos e debates.

    “É moi importante dotar á nosa mocidade de coñecementos, aptitudes, actitudes e valores neste eido e establecer así relacións sociais e sexuais respectuosas”, destaca a alcaldesa, Sandra González. 

    ‘Así, si!’ é un proxecto educativo baseado na comunicación asertiva como primeira ferramenta para construír relacións afectivas sas, baseadas na igualdade de todas as persoas, o respecto ás diversidades e o rexeitamento de calquera tipo de violencia ou das relacións de dominación-submisión.

    A través de dinámicas de rol, xogos e outras actividades achegáronse aos mozos os recursos básicos para detectar situacións e relacións baseadas na desigualdade, así como elementos que favorezan a súa autoestima para rexeitalas ou denuncialas de ser o caso. Ademais, das 12 sesións coa rapazada, a iniciativa contou tamén coa implicación de pais e nais do alumnado participante cun obradoiro específico. Foron moi poucos os proxenitores asistentes, o que indica a necesidade de traballar para conseguir unha maior implicación das familias.

    “Con este programa rapaces e rapazas repensan os estereotipos e roles de xénero tradicionais, outras formas do masculino e o feminino ou a hipersexualización dos corpos baseados nunha cultura machista e desmitificaron crenzas erróneas sobre a afectividade e a sexualidade”, explica a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez. 

    As sesións foron impartidas por unha educadora social experta en igualdade de xénero e diversidades que tamén abordou cuestións coas que fomentar as relacións afectivas baseadas no respecto mutuo ou a educación na prevención das enfermidades de transmisión sexual ou dos embarazos non desexados.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.