O Concello de Mos ven de recibir a notificación dunha subvención do Plan Concellos 2020 para acometer a sinalización nas zonas urbanas residenciais de Puxeiros e Sanguiñeda, co fin de prohibir e eliminar o tráfico pesado das mesmas. Así o informaban esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e o xefe da Policía Local de Mos, Gerardo Álvarez.
A instalación dos sinais de prohibición que impidan a camións e trailers circular por ambas zonas urbanas residenciais realizarase próximamente, unha vez adxudicada a empresa que acometerá a instalación dos mesmos, que se atopa en procedemento de contratación.
O proxecto de eliminación do tráfico pesado das zonas urbanas residenciais do municipio foi elaborado o ano pasado e nel traballaron, durante meses, a Policía Local, coa colaboración de técnicos especializados.
O proxecto non se puxo en marcha ata o de agora porque estaban acometéndose as obras do nó de Sanguiñeda e da Estrada Puxeiros-Peinador. Unha vez rematadas, xa se pode iniciar a instauración deste plan de eliminación de tráfico pesado das zonas urbanas residenciais.
Detalles do proxecto
Na parroquia de Sanguiñeda actuarase en catro tramos, a Avenida de Sanguiñeda, o tramo que vai desde a rotonda do Costilleta ata a rotonda das Angustias sentidos ascendente e descendente, a rúa Areas que vai cara ó supermercado Día; e o tramo desde As Angustias ao supermercado Mercadona; e na zona de Puxeiros actuarase na rúa Ludeiro e na propia Avenida de Puxeiros. Tamén se está a estudar a posibilidade de ampliar o rango de actuación en Puxeiros, intervindo a maiores na estrada Puxeiros-Peinador, no tramo que vai desde o edificio da Axencia de Colocación (antigo CDL) ata a rotonda do alto de Puxeiros, neste único sentido; e no tramo que vai desde o Colexio Lar ata a rotonda do alto de Puxeiros, en ambos sentidos de circulación.
Pola zona de Sanguiñeda, segundo estimacións da Policía Local, pasan diariamente unha media de 1.000 vehículos dos cales sobre 100 son pesados, é dicir, un 10% do total.
E pola zona de Puxeiros, a Policía Local de Mos fai un cálculo de paso de tránsito rodado duns 9.000 vehículos ó día, dos que 1.800 son vehículos pesados, o que representa unha porcentaxe do 20%.
Arévalo, rexedora local, e Gerardo Álvarez, Xefe da Policía Local de Mos, explicaron sobre este proxecto que “se tratou dun traballo arduo e complexo, de ahí que se prolongase durante meses, porque son zonas cunha elevada actividade empresarial, moitas empresas asentadas ás que hai que darlle alternativas de paso para o transporte que leva e trae mercadorías, producto e materias primas ás mesmas. Non se pode deixar ás empresas sen acceso e servizos, pero ao mesmo tempo a necesidade existente de eliminar o tráfico pesado destas tres zonas é acuciante, de ahí o labor intenso e pormenorizado que se está a facer valorando pros, contras, posibilidades, alternativas… todo para regular o máis óptimamente posible o tránsito rodado e que as medidas adoitadas repercutan en moito na mellora da calidade de vida dos nos nosos veciños e veciñas”.
A existencia dos polígonos industriais da Portela, Rebullón e Monte Faquiña na zona de Puxeiros fai especialmente delicado o traballo, ao requerir dunha complexa reorganización do tráfico (só ata o alto de Puxeiros se desprazan diariamente entre 2.000 e 3.000 persoas a traballar, estudar, mercar, facer xestións, etc.).