SOS Fonte de Troncoso pide publicamente ao Concello de Mondariz Balneario, propietario da Fonte de Troncoso, e a Xunta de Galicia, “que realice unha actuación urxente para frear o deterioro da fonte centenaria” obra de Antonio Palacios. Ao mesmo tempo, reclama que ámbalas dúas administracións “tomen cartas no asunto de inmediato e acelere o proceso para a súa recuperación”.
Lembra a plataforma que o alcalde e o conselleiro de Cultura comprometéronse publicamente en decembro de 2020 a levar a cabo a “recuperación e rehabilitación” desta obra singular. Porén, un ano e medio despois, lamenta a Plataforma, “a Fonte de Troncoso, lonxe de ver melloradas as súas condicións, segue nun estado de ruína total, acrecentando cada día o risco de que as súas paredes colapsen, o que suporía a perda irreversible dunha das obras máis xenuínas da vila balnearia”.
Cómpre lembrar que o xulgado número 5 do Mercantil adxudicou en novembro de 2020 a propiedade da Fonte ao Concello de Mondariz Balneario, tras múltiples denuncias veciñais e un proceso concursal de por medio. O 28 decembro de 20201 o alcalde de Mondariz Balneario, José Antonio Lorenzo e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitaron o edificio, anunciando que “a Xunta comprometía o seu apoio para a recuperación e rehabilitación deste edificio histórico”, obra do arquitecto Antonio Palacios.
Un edificio protexido pola lei
O Catálogo de bens a protexer do Plan de Ordenación do Medio Rural de Mondariz Balneario aprobado no ano 2001 recolle a Fonte de Troncoso como ben obxecto de protección cun grao “integral”. “De pouco ten servido ata hoxe” se lamenta a Plataforma.
A Fonte de Troncoso é obra do internacional arquitecto porriñés Antonio Palacios, que reutilizou neste manancial a marquesiña que cubriu a Fonte de Gándara ata o ano 1910. O proxectista, que recibiu o encargo de Enrique Peinador, deseñou un complexo de dous volumes: unha fonte pechada cunha reixa perimetral baixo marquesiña e un obradoiro pechado con muros de granito deseñado á imaxe do taller de engarrafado da Fonte de Gándara, obra na que tamén colaborou o arquitecto Joaquín Otamendi.
Na actualidade a fonte atópase nun estado lamentable, o que ten provocado un crecente e preocupante abandono do seu estado de conservación: nos últimos tempos o remate ornamental dunha das súas portas de acceso desapareceu; a centenaria varanda modernista interior sufriu distintas “reparacións” indignas; ademais, a día de hoxe, a planta de embotellado da fonte é inaccesible para o público e ameaza ruína.