Venres, 8 Novembro de 2024

Aprobado inicialmente o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para a construción dun albergue turístico en Mondariz

O Concello de Mondariz rematará este ano 2022 con significativos avances na estratexia municipal para sentar as bases do futuro desenvolvemento económico e turístico da localidade, sen depender dos longos e custosos trámites que requeriría a reactivación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), iniciado en 2005 e frustrado unha década despois ao crebar a empresa adxudicataria (Consultora Galega S.L.).

“Durante este mandato tivemos consultas coa Xunta de Galicia para considerar a reactivación do PXOM, pero a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda non manifestou apoio para financiar o proxecto, que na situación actual debería iniciar o proceso desde cero. O PXOM é un obxectivo a longo prazo que deberá financiarse con recursos municipais. Neste contexto, buscamos fórmulas máis rápidas e resolutivas para crear solo industrial na Lagoa e construír un albergue turístico na Cela. Estes dous proxectos forman parte da mesma estratexia de desenvolvemento económico”, sinala o alcalde de Mondariz.

Albergue turístico na parcela municipal da Cela

O alcalde, Xosé Emilio Barros, axilizou a aprobación inicial do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para a construción dun albergue turístico e un aparcadoiro de autocaravanas na parcela municipal da Cela mediante unha Resolución de Alcaldía por indicación dos propios servizos xurídicos municipais, que non vían necesario levar este trámite a sesión plenaria.

Entre os anos 2020 e 2021, en previsión deste desenvolvemento, a parcela municipal da Cela foi espazo de prácticas do obradoiro dual de emprego “Medrando entre todos e todas”, dentro da especialización en traballos forestais e de xardinería. “Antes desta actuación, esta parcela municipal situada entre o río Tea e o centro urbano de Mondariz era un cascalleiro cheo de pedras e lixo. O potencial é enorme, e Mondariz, malia ter a vantaxe dun nome que chama ao turismo, carece de infraestruturas para albergar visitantes”, sinala o alcalde.

A través desta fórmula, precisamente, o Goberno municipal de Mondariz está sentando as bases xurídicas necesarias para dispoñer de solo habilitado para construír un albergue turístico, unha iniciativa innovadora con clara visión de futuro para un concello con enormes potencialidades para o turismo rural e de natureza.

Solo industrial na área da Lagoa

A idea inicial do Goberno municipal para crear solo empresarial en Mondariz tamén pasaba por un Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID), pero finalmente viuse unha oportunidade no proceso de revisión que estaba experimentando o Plan de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia e solicitouse a inclusión dunha nova área de solo industrial na Lagoa, que foi admitida pola Xunta de Galicia en xullo deste ano. Na modificación do seu Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, a propia Xunta de Galicia prescindiu da área prevista con anterioridade en Chan de Cairón, entre Mondariz e Fornelos de Montes, maioritariamente localizada na parroquia de Gargamala e cun impacto sobre o patrimonio moito maior.

Esta área de solo industrial na Lagoa, de 144.545 m² e que acollerá un futuro parque empresarial que tamén poderá dar servizo ao veciño concello de Mondariz-Balneario, está actualmente en fase de aprobación inicial. A finais de novembro rematou o período de alegacións aos plans de construción de parques empresariais. “Descoñecemos se se presentaron alegacións en relación a esta área empresarial de Mondariz. En todo caso, teremos que agardar a que a Xunta de Galicia resolva todas as alegacións presentadas. Levará o seu tempo, pero a inclusión de solo industrial no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia é un gran avance para Mondariz”, destaca o alcalde, Xosé Emilio Barros.

Antes de chegar á Alcaldía, Xosé Emilio Barros xa se comprometera a impulsar o desenvolvemento dun parque empresarial no Concello de Mondariz. “Desde o Goberno municipal decidimos apostar por fórmulas eficaces para dar resposta a cuestións estruturais que non se poden demorar máis. A necesidade de solo industrial é unha delas. Con vontade resolutiva, aproveitamos que o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia estaba en proceso de revisión para axilizar o proceso e poder optar a liñas de financiamento para o futuro desenvolvemento do parque empresarial”, explica.