Xoves, 7 Novembro de 2024

ENDESA reclámalle ao Concello de Mondariz unha importante débeda

O pasado 26 de outubro, a compañía ENDESA comunicoulle por escrito ao Concello de Mondariz que a débeda pendente con esta empresa subministradora de electricidade é de “144.385,75 euros siendo el importe de la misma con antigüedad mayor de 60 días, y por lo
tanto vencida y exigible de 81.952,30 euros”.

A empresa pon en coñecemento do Concello que “nos vemos obligados a iniciar los trámites de suspensión del suministro para los contratos no esenciales, acción que se llevará a cabo de mantenerse el impago”.

A maiores, a empresa Correos, que mantén co Concello de Mondariz un contrato para a prestacións de Servizos Postais e Telegráficos, reclamoulle por escrito o pasado 13 de outubro o pagamento de 910,51 € que tamén debe correspondente a comunicacións postais dos meses de abril, maio, xuño e xullo. Correos infórmalle que “la cantidad adeudada debe efectuarse sin más demora se les requiere formalmente para que en el plazo de DIEZ DÍAS NATURALES desde la entrega de esta comunicación”.

Á vista destes impagamentos e doutra débeda que lle reclama o Concello de Mondariz Balneario por valor de máis de 152.278 € en concepto de depuración de augas residuais dos anos 2019, 2020 e 20211, Xoán C. Montes Bugarín, portavoz de Alternativa por Mondariz, quere facer pública a súa preocupación pola situación económica que atravesa o Concello pola súa elevada débeda.

O portavoz da forza política máis votada nas últimas eleccións municipais pídelle ao goberno municipal seriedade e responsabilidade na xestión do diñeiro público para non hipotecar o concello durante os próximos anos, o que obrigaría ao próximo goberno municipal que saia das urnas o vindeiro mes de maio de 2023 a recortar, ou mesmo anular, os investimentos públicos necesarios para mellorar os servizos públicos que presta.