En Ponteareas o Nadal ten banda sonora. A Banda de Música Unión de Guláns subirase este sábado 17 de decembro ao escenario da sala multiúsos do auditorio municipal Reveriano Soutullo para celebrar unha nova edición do seu Concerto de Nadal, unha ocasión especial para a formación na que deleitará ao público asistente cun amplo repertorio musical. A cita será ás 20.00 horas con entrada libre ata completar aforo.
A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, convida a toda a veciñanza a asistir a este concerto que terá un marcado carácter social, xa que durante o concerto a asociación Adapta presentará ao público os recursos cos que contará a entidade tras o remate das obras que se están a realizar na actualidade no novo centro, que entrará previsibelmente en funcionamento o vindeiro mes de xaneiro.
Unha vez máis, Carrera quere agradecer en nome de todo o Goberno municipal esta iniciativa posta en marcha pola Banda de Música Unión de Guláns, así como todo o traballo que está a desenvolver Adapta na vila e no Condado-Paradanta, xa que se converteu nun referente na comarca no traballo pola plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos das sociedade.