Este Nadal Ponteareas énchese de decoración feita a man “con moitas ganas, agarimo e ilusión”. O Concello está a colaborar coa Federación de Comercio, Hostalaría e Servicios, Banastra, e coa asociación Adapta na creación de elementos decorativos que permitan encher o comercio local de cor, “dinamizar a actividade durante unha das campañas máis importantes do ano e animar a toda a veciñanza a saír as rúas e mercar nos establecementos de Ponteareas, porque comprando no comercio local énchese de vida toda a vila”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.
“Queremos amosar o noso máis grande agradecemento a Banastra e a todo o equipo directivo pola súa implicación, xa que nos poucos meses que levan ao fronte xa federación xa levaron a cabo numerosas innovadoras e exitosas iniciativas para dar pulo ao comercio”, resaltou a rexedora. Fernández Davila agarda “que esta colaboración con Adapta se manteña no tempo. O traballo que están a facer os seus usuarios e usuarias durante todo este mes é impresionante. Moitísimas grazas polo voso esforzo”. O Concello colaborou na adquisición do material para elaborar estas decoracións, así como no seu reparto entre os comercios e na compra e colocación das alfombras vermellas que estarán na rúa nas entradas dos establecementos.
Nesta ocasión Banastra retomou a colaboración que xa se levou a cabo noutras ocasións co Concello e encargouse de coordinar ao comercio local, deseñar, adquirir materiais e traballar man a man con Adapta e no reparto co Concello. A través desta colaboración as usuarias e usuarios do programa de persoas con discapacidade da asociación Adapta están creando máis de cen árbores que estarán colocados nos establecementos asociados de Banastra en Ponteareas. “Despois dunha campaña para o Día da Nai pensamos que tivo moito éxito criamos que no Nadal tiñamos tamén que por en marcha algunha iniciativa similar. E é un orgullo ver as ganas coas os usuarios e usuarias de Adapta levan traballando arreo durante todo o mes”, salienta a presidenta de Banastra, Pilar Carrera.
Unha ilusión que transmiten en cada unha das árbores que fan, decoradas todas con lazos, estrelas e bolas de Nadal. Dende Adapta destacan que iniciativas como esta son moi interesantes “para visibilizar e abrir o traballo que fan as persoas usuarias a toda a poboación”. “Están encantados e encantadas coa participación neste proxecto e para todas e todos eles é moi emocionante ver logo o seu traballo exposto polas rúas de Ponteareas. Confiamos que poida ser o primeiro paso dunha colaboración estábel”, destaca Paula Táboas, responsable técnica de Adapta, que recalca o gran traballo en equipo que se desenvolve entre a asociación e as persoas usuarias nesta iniciativa e noutras que poidan levar a cabo.
A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, trasladou a invitación aos usuarios e usuarias de Adapta como á federación de comerciantes para que a acompañen o venres 2 de decembro no acendido do alumeado de Nadal.