Sábado, 2 Novembro de 2024

As alumnas da especialidade de Socio Sanitaria do obradoiro de emprego de Ponteareas comezan as súas prácticas

A concelleira de Emprego, Vanesa Fernández, dálle os parabéns polo seu esforzo e salienta a importancia de inverter en formación para incorporarse ao mercado laboral

As alumnas da especialidade de Socio Sanitaria do programa de formación dual “Coidar de Nós IV” que promove o Concello de Ponteareas xunto ao Concello das Neves e a Xunta de Galicia acaban de comezar as prácticas no Centro Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo. A concelleira de Emprego, Vanesa Fernández, quere darlle “os nosos parabéns polo seu esforzo”, ao tempo que destaca a importancia da inversión pública en formación para axudar ás persoas desempregadas a incorporarse ao mercado laboral.

Este Obradoiro de Emprego forma parte do programa de formación dual no que xa participaron 140 veciños e veciñas de Ponteareas e As Neves dende 2015. “Unha mostra máis da aposta do Concello de Ponteareas pola mellora laboral e persoal da veciñanza”, ademais de ser un “exemplo claro” do que supón a colaboración entre distintas administracións públicas “traballando de xeito coordinado na consecución duns obxectivos claro”, neste caso Concello e Xunta de Galicia, destaca a edil.

Ademais a concelleira destaca que o Concello tamén trata de ser “unha saída laboral para o alumnado do obradoiro”, e afirmou que dende 2015 se contrataron a 48 alumnos e alumnas.