14.5 C
Pontevedra
Venres, 18 de Outubro de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasExposición en Ponteareas sobre a historia do Corpus

    Exposición en Ponteareas sobre a historia do Corpus

    O Corpus abre as portas aos 150 anos de historia da Banda de Música Unión de Guláns. O vestíbulo do auditorio municipal Reveriano Soutullo acolle ata o vindeiro luns 12 de xuño unha exposición na que o público poderá ver a evolución da banda a través de fotografías, partituras, instrumentos, carteis, traxes e outros moitos elementos de diferentes épocas dende a súa creación no ano 1870.

    A idea da mostra xurdiu no ano 2015 dunha exposición itinerante de instrumentos antigos realizada con distintas bandas de música e que deu pé a unha exposición en Guláns que foi todo un éxito de público. Agora, a banda da un paso máis e “aumentamos a cantidade de material exposto para repasar o século e medio de vida da Unión e realizar un acto máis na celebración do noso 150+3 aniversario”.

    O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, sinala a importancia de celebrar este aniversario para a banda que “cumpriu 150 anos en 2020 pero non puidemos poñer en valor a súa ampla traxectoria e legado por mor da situación sanitaria, polo que agora era necesario retomar esa celebración achegando a súa historia á maior cantidade de público posíbel nunha data tan importante para todas e todos nós como é o Corpus”.

    O público poderá achegarse á banda de música a través de 41 paneis que repasan a súa historia a través de fotografías de actuacións, festas, viaxes… recollidas “despois de repasar centos de fotografías grazas á colaboración de músicas e músicos e veciños e veciñas que fixeron posíbel que recompilásemos tanta información”. Ademais, en catro vitrinas cedidas pola Fundación da Casa Cultural de Guláns poden verse partituras antigas, discos, libros, carteis e recoñecementos recibidos ao longo destes anos.

    A mostra complétase coa exposición de instrumentos, traxes, partituras emblemáticas e atrís de madeira, así como material e gravacións antigas. Un amplo mostraxe que permite recoñecer caras coñecidas como a Rogelio Groba, Indalecio Fernández ou Miguel Groba e incluso recolle anécdoras curiosas, como un contrato da banda de música de hai  50 anos que non se chegou a cobrar.

    A Banda de Música Unión de Guláns quere agradecer ao Concello a súa colaboración “para que esta exposición saíse adiante”, así como do investigador, profesor e ex músico da banda Anxo Serafín Porto, “que fixo un labor de investigación impagábel para por nome a todas as persoas que saen nas fotografías”. Tamén destacan que nada sería posíbel sen a colaboración de ex músicos e veciñanza de Guláns, que colaboraron na exposición deixando material desinteresadamente e incluso nalgúns casos doándoo á banda para a súa conservación.

    A exposición estará aberta ao público entre semana de 20.00 a 21.00 horas, o venres 9 de 20.00 a 22.00 horas, o sábado 10 de 20.00 a 02.00 horas e o domingo 11 de 09.00 a 14.30 horas. A mostra pechará o vindeiro luns 12, que estará aberta ao público de 20.00 a 22.00 horas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.