O Concello de Ponteareas iniciará o proceso de selección para contratar a 12 persoas en situación de risco ou perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) para o desenvolvemento de traballos de mellora dos espazos de utilidade pública e a implementación de servizos de interese social, o que beneficiará a toda a veciñanza. Serán en total 9 persoas para o posto de peón de medio ambiente, 2 que traballarán como auxiliares administrativas e unha para desenvolver tarefas de limpeza que se incorporarán aos seus postos a partir do vindeiro mes de xullo.
“Xerar emprego é un piar básico para conseguir o benestar das familias ponteareás. Nese camiño para nós é fundamental poder volver incorporar ao mercado laboral a persoas desempregadas, moitas delas que levan moito tempo buscando un traballo”, asegura a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández Soage.
Para estas contratacións o Concello conseguiu unha subvención de case 128.000 euros da Xunta de Galicia para fomentar a empregabilidade a través de adquisición de experiencia profesional de persoas desempregadas de moi difícil inserción laboral ou en risco de exclusión social.
Aínda que con esta axuda a Xunta subvenciona a contratación de ata o 75 % da xornada laboral, o Concello asumirá por primeira vez con fondos propios o 25 % restante para que todos os postos sexan a xornada completa. Deste xeito, “melloramos e garantimos as condicións de traballo de cada unha das persoas contratadas, facilitando do mellor xeito posible o acceso ao mercado laboral de persoas nunha situación máis desfavorecida e mellorando ao mesmo tempo os servizos municipais e os espazos públicos”.
Poderán participar no proceso de selección persoas perceptoras da RISGA inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como persoas demandantes non ocupadas. Terán preferencia aquelas persoas que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, as maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares.