O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, agradeceu hoxe publicamente, o traballo que realiza a Garda Civil do municipio para, durante todo o ano, “garantir a seguridade de todos os veciños e veciñas”. O rexedor local recoñeceu expresamente “o magnífico traballo realizado, conxuntamente coa Policía Local, á hora de controlar a celebración do ‘botellón’ prohibido pola Xunta de Galicia en todo o territorio da comunidade autónoma”.
A este traballo engadido, súmase o control para velar polo cumprimento das normas de seguridade sanitaria impostas pola actual pandemia da COVID-19.
O traballo desenvolvido, afirma o rexedor local, “amosa claramente o alto grao de compromiso, profesionalidade e dedicación das e dos axentes da Comandancia de Baiona” nun municipio que, durante a época estival, triplica a súa poboación e fai preciso “un sobre esforzo” por parte do Instituto Armado para garantir “o orden público e a seguridade cidadá en estreita colaboración coa Policía Local”.
O traballo que realizan Garda Civil de Baiona e Policía Local, “non só na época estival senón durante todo o ano”, permiten que Baiona “sexa un destino turístico atractivo” conclúe o rexedor local.