15.6 C
Pontevedra
Domingo, 8 de Setembro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva celebra a plantación da camelia 'María Vinyals' a primeira "con...

    Carmela Silva celebra a plantación da camelia ‘María Vinyals’ a primeira “con nome de muller”

    “Este xardín vai darlle visibilidade ás mulleres. Para que poidamos seguir dando pasos cara a igualdade é preciso ter referentes femininas”, asegura a presidenta da Deputación

    Coas palabras de María Vinyals reflexionando sobre a posición das mulleres hai máis de 100 anos e a canción contra a violencia de xénero ‘A porta violeta’ de Rozalén, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, das deputadas provinciais Ana Laura Iglesias, Raquel Giráldez e Victoria Alonso, do autor do libro ‘María Vinyals, a muller do porvir’, Diego Piay, e da historiadora Silvia Cernadas, realizou esta mañá a plantación da camelia “María Vinyals” no Castelo de Soutomaior, a primeira “con nome de muller” do xardín. Silva, asegurou que con esta plantación “este xardín vai darlle visibilidade ás mulleres. Para que poidamos seguir dando pasos cara a igualdade é preciso ter referentes femininas”.

    A presidenta provincial destacou a figura de María Vinyals, a marquesa vermella, “unha muller que demandaba educación, o voto e a presencia das mulleres en todos os eidos”. “Estou segura de que a María Vinyals lle encantaría que xeracións futuras, cen anos despois, seguiran a loitar polo que ela loitou cando estaba en efervescencia, a loita das mulleres sufraxistas defendendo o voto, o dereito universal máis importante, que finalmente conseguiu Clara Campoamor”, enxalzou. Tamén sobre a figura de Vinyals detívose o alcalde de Soutomaior que aplaudiu a iniciativa da Deputación por permitir “potenciar e dar a coñecer á marquesa” e “mellorar o xardín de excelencia internacional”.

    O novo cultivar de camelia, tal e como explicou a presidenta da Deputación, foi desenvolvido na Estación Fitopatolóxica de Areeiro e trátase dunha flor dobre formal que ten unhas cores cunha simboloxía “moi potente”; predomina a cor vermella, en referencia a como foi coñecida Vinyals “a marquesa vermella”; e vira a cor lila lavanda cando se cultiva en chans ácidos e está totalmente aberta, cor relacionada a día de hoxe co movemento feminista do que ela foi precursora hai 100 anos. Sobre a camelia “María Vinyals” Carmela Silva tamén avanzou que se rexistrará oficialmente en xuño e posteriormente ampliarase esta iniciativa coa “plantación doutros cultivares con nomes de mulleres, como Rosalía de Castro ou a Bella Otero”.

    A camelia plantada esta mañá por Carmela Silva en Soutomaior conta cunha placa de madeira na que figura o lema ‘Camellia japónica «María Vinyals»’. Nos xardíns deste castelo que María Vinyals tanto amou medrará esta camelia que leva o seu nome. Unha flor única para a muller do porvir. Deputación de Pontevedra, 11 de marzo 2020”. Así mesmo, a placa levará un Código QR, que ofrece información da ficha técnica do exemplar.

    A presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para poñer en valor o papel desenvolvido por Diego Piay e agradecer o estudo sobre María Vinyals de Silvia Cernadas, xa que a institución provincial foi tomando decisións a partir da súa investigación sobre a figura da marquesa vermella. “Nós escoitamos moito á sociedade, e moitos dos estudos que se fan aplicámolos nas nosas políticas”, concluíu a presidenta.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.