Deputación e CSIC fortalecen relacións para a realización de actividades comúns

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu no Pazo Provincial ao novo delegado institucional do CSIC en Galicia, Antonio de Ron, e á directora da Misión Biolóxica de Galicia, Elena Cartea, “un día moi especial, dixo a presidenta provincial, porque poñemos en valor campos do coñecemento tan relevantes como a ciencia e a investigación”.

Silva resaltou "a importancia de levar a ciencia e a investigación aos centros educativos, para transmitir o seu valor as nenas e nenos e a toda mocidade da nosa provincia. Queremos conseguir espertar o interese investigador e para iso hai que poñer recursos e as administracións temos que estar aí”. Tamén engadiu que “imos estudar a posibilidade de realizar actividades comúns que persigan o marabilloso obxectivo de que a ciencia chegue a todos os lugares porque con ela promovemos a igualdade de oportunidades e fomentar a realización de proxectos que teñen o poder de cambiar o mundo".

CarmelaSilva csic01

Na mesma liña, Antonio de Ron, delegado institucional do CSIC Galicia desde o pasado mes de febreiro, sinalou que "queremos levar o CSIC e o noso traballo á toda sociedade e consideramos moi importante transmitir a ciencia a través de actuacións escolares, visitas divulgativas e visitas guiadas”. O delegado institucional do CSIC en Galicia rematou agradecendo á presidenta da Deputación de Pontevedra a recepción e subliñando que "o que quere o CSIC é fortalecer os pontes de colaboración que xa existen coa Deputación de Pontevedra, propietaria das instalacións da Misión Biolóxica".

Por último, Carmela Silva agradeceu sinceramente o ofrecemento do CISC para empregar os seus recursos e espazos para que a Deputación poida realizar diferentes actividades. Apuntou que isto é moi relevante posto que “a ciencia vai ser o instrumento que nos permita ser competitivos, produtivos, pois a xeración de empregos de calidade e a actividade económica vai a ir vencellada cada vez máis ao coñecemento e á investigación”.