O curso de mestres e mestras composteiros, título propio da Universidade de Vigo

O curso de formación de mestras e mestres composteiros organizado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Revitaliza de compostaxe é xa un título propio da Universidade de Vigo. Así o confirmaron hoxe a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o reitor da Universidade de Vigo Salustiano Mato no acto de benvida que se celebrou esta tarde nas instalacións da Cidade Infantil de Príncipe Felipe para os 30 estudantes deste novo ano académico.

De feito, previamente ao acto oficial de inicio do curso os dirixentes asinaron no Pazo provincial o convenio polo que a Universidade de Vigo colabora na organización da formación (cun orzamento que supera os 29.000 euros), será responsable da tutorización, e expedirá os correspondentes diplomas ao alumnado. Segundo explicou Salustiano Mato “por fin nesta edición conseguimos desenvolver os procesos que nos permiten acreditar a formación da «Facultade da compostaxe» como un título propio da Universidade de Vigo”. Trátase dunha titulación, dixo Mato, dentro da categoría de «curso de formación», que outorga unha acreditación universitaria que complementa e matiza tecnicamente outros estudos como poden ser Bioloxía, Química ou Ciencias Ambientais, entre outros. Así mesmo, segundo explicou o reitor, unha vez instaurada xa formalmente a titulación, logo de que remate o actual curso, iniciaranse os trámites para convalidar as dúas edicións anteriores.

facultade compostaxe revitaliza 05

Na edición de 2018 da «Facultade da compostaxe» que acaba de comezar téñense introducido novidades, tanto melloras na parte teórica (con poñentes estranxeiros, estatais e nacionais da UVigo) como na parte práctica, sobre todo porque incorpora unha parte de laboratorio que se vai desenvolver no campus do CUVI , na que o alumnado poderá analizar os procesos de compostaxe. “Esto poderá redondear a formación dos mestres e mestras composteiros”, dixo o reitor, quen agradeceu a iniciativa da Deputación de preparar persoal para poñer a disposición dos concellos na xestión do lixo en xeral e na compostaxe en particular: “O importante nun bo plan de xestión de residuos non son as máquinas nen a obra civil, senónas persoas, que saiban traballar nun lugar determinado coas súas características concretas e aplicar a mellor forma de xestión... Por iso nos gusta o Plan Revitaliza, porque é unha solución de continuidade e potente para a xestión dos residuos”, finalizou.

facultade compostaxe revitaliza 03

“Sen volta atrás”
Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera instou ao alumnado da nova promoción da «Facultade da Compostaxe» a tirar proveito da formación que se lles oferta. “Cando comezamos con este plan no 2015 o noso horizonte era onde estamos agora: afrontar un proceso con moita xente formada para que o plan tivese garantía de continuidade e unha base sólida”, dixo, para engadir que a día de hoxe o modelo de xestión de lixo baseado na economía circular máis avanzado no seu ámbito é o Plan Revitaliza, “do que xa todos somos partícipes e que vos abre máis posibilidades e expectativas das que poidades imaxinar” no ámbito laboral grazas á súa esixencia e intensidade. “Este mundo que se abre no tratamento dos residuos xa non ten volta atrás”, finalizou.

Pola súa parte, a presidenta Carmela Silva parabenizou ás 30 persoas que pasaron o proceso de selección e que agora forman parte da «Facultade da Compostaxe» e mostrou o seu orgullo polo éxito que está a ter o Plan Revitaliza. “Éncheme de orgullo cando me din que somos a referencia e o proxecto máis avanzado neste ámbito, cando temos recoñecementos europeos e están a chamar aos nosos técnicos doutras administracións para que participemos en xornadas explicativas”, indicou Carmela Silva.

facultade compostaxe revitaliza 04

A presidenta tamén fixo unha chamada de atención aos que critican o plan de compostaxe provincial: “Que saiban todas as administracións e os que nos cuestionan que nós non imos parar. Que este proxecto naceu para ter continuidade. Moitas veces cuestionan os resultados: pois –o que din- é absolutamente falso. Aquí temos unha idea que é cumprir coa directiva comunitaria, pero tamén temos un proxecto serio e rigoroso, científico, avalado por estudos, para ser capaces de ter un modelo de tratamento de residuos sólidos que se corresponda cunha sociedade do século XXI, que ten que ter un grande compromiso co medio ambiente. Probablemente ese ten que ser o primeiro obxectivo político e prioritario de calquera gobernante responsable co planeta Terra”, insistiu.

Silva finalizou a súa intervención asegurando que os resultados de redución de residuos enviados a Sogama que fai pouco tempo presentou o vicepresidente “van sendo moi positivos”, e matizou que “isto é un proceso que vai avanzando a medida que se vai implementando”. “Non imos parar sexan cales sexan os intereses económicos que hai detrás de algúns cuestionamentos. Este é un grande proxecto, é o mellor proxecto e sentímonomos moi orgullosos del”, sentenzou.