Logo
Imprimir esta página

Presentado en Mondariz Balneario o XI Ciclo de Música Clásica de Barcia de Mera

O director xeral de Polítcas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no acto de presentación do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera, que este ano celebra a súa undécima edición. Trátase dun amplo programa de música clásica que se desenvolverá ata o mes de setembro na igrexa barroca da parroquia de San Martiño de Barcia de Mera, no concello de Covelo. A xa tradicional cita cultural atrae cada ano a máis público para gozar da música clásica nunha contorna que non é a habitual para este tipo de espectáculos.

“Este ciclo de música clásica converte o templo de Barcia de Mera durante a primavera e o verán galegos, en punto de encontro para os afeccionados á música clásica, pero tamén favorece que outra xente poida realizar un primeiro achegamento a estas obras, ás que non sempre foi fácil o acceso”, explicou Anxo M. Lorenzo durante a presentación da iniciativa.

O director xeral de Políticas Culturais tamén destacou a calidade da oferta que conforma a undécima edición do ciclo, coas actuacións de grupos como Vox Stellae o cuarteto Novecento ou os grupos El Afecto Ilustrado e Capella Finisterrae. Tamén participarán os dúos Ara e Vlashi.

En total, están previstos sete concertos, un cada mes coa excepción de agosto, cando haberá dúas citas. O concerto inaugural celebrarase o vindeiro sábado 27 de abril co dúo Vlashi cunha actuación de violín e violonchelo dedicado a Albinoni e denominado Concierto das velas, xa que a igrexa só estará iluminada con velas. Para pechar o ciclo, o grupo de cámara El Afecto Ilustrado actuará nesta mesma igrexa o sábado 21 de setembro.

© 2015 Comarcasnarede.es Todos los derechos reservados