Logo
Imprimir esta página

A Guarda prepárase para unha fin de semana cheo de actividades

Sen apenas tempo para recuperarse da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira vivida esta pasada fin de semana, e que marcou récord de participación de asistentes, A Guarda prepárase para unha fin de semana de intensa actividade deportiva e cultural con actividades que se desenvolverán en diferentes espazos do municipio e para todos os públicos.

Dende o venres 13 e ata o luns 16, a Guarda desenvolverá unha intensa programación na que se inclúen exposicións, un campionato de balonmán-praia, unha presentación dun libro, as Festas do Carmen, o festival Rock Guardés, entre outras.

Venres 13
Dende o venres 13 de xullo A Guarda acolle o Campionato de Balonmán Praia Concello da Guarda, que se celebra nas instalacións do Codesal en Camposancos, e que congregará a máis de 650 participantes ao longo da fin de semana, unha oportunidade excepcional para coñecer e ver de preto a xogadores federados de clubes de toda Galicia. Horarios: Venres 13 de 16:00h a 21:00h, Sábado 14 de 9:00h a 21:00h e Domingo 15 de 9:00h a 21:00h
Por outra banda o venres 13 tamén se realizará a presentación do Libro «Manuel Fraga un galego cubano, Fidel Castro un cubano galego» do escritor Miguel Ángel Alvelo Céspedes , ás 20:00h no Centro Cultural.

Sábado 14
Na xornada do sábado día 14 de xullo convidamos a visitar no Museo do Mar a exposición “As achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” que, baixo o proxecto “Sustentabilidade en feminino”, busca amosar as achegas das mulleres ao desenvolvemento sustentable e á conservación dos nosos mares, en horario 11:00h a 14:00h e de 18:00h a 21:00h os sábados, domingos e festivos.

Durante a mañá do sábado convidamos a visitar no Centro Cultural a Exposición “Cambia de Perspectiva” de Pablo Lubians, unha mostra de 15 fotografías aéreas capturadas cun drone e que amosan diferentes espazos do municipio cunha perspectiva fora do habitual. Horario: de 10:00h a 13:00h.

O sábado celebrarase nas instalacións do Codesal en Camposancos a segunda xornada do Campionato de Balonmán Praia Concello da Guarda en horario de 9:00h a 21:00h.

A Casa de Acollida As Samaritanas na Gándara, acolle unha xornada de Portas abertas dende as 11:00h que contará coas actuacións dos grupos Argonat Band, Xamaraina, Casa de Andalucía, o Trebón dos Xidos, entre outros. Unha xornada realizada co obxectivo de dar a coñecer esta fundación e as actividades e cursos que alí se realizan.

Ás 20:30h o Salón de Actos do Centro Cultural acolle o XXXII Certame de Poesía Feliciano Rolán, onde se entregarán os premios desta edición e se contará coa actuación da Coral do Clube da Terceira Idade da Guarda, esta actividade está organizada pola Agrupación Cultural Guardesa en colaboración co Concello da Guarda e a Deputación de Pontevedra.

Xa pola noite o Porto será o escenario da XVII edición do Rock Guardés, ás 22:00h terá lugar o inicio dos concertos, que nesta edición correrán a cargo dos grupos Maryland, The Pretty Shirts e Perseide.

Tamén na xornada do sábado o Estadio Municipal da Sangriña congregará a numerosos deportistas na VIII edición do Torneo de Fútbol 7 Vila da Guarda, un evento no que colabora o Cocnello da Guarda, a Escola de Fútbol Alameda, GD Miño e Avelaiña.

Domingo 15
O sábado celebrarase nas instalacións do Codesal en Camposancos a terceira e derradeira xornada do Campionato de Balonmán Praia Concello da Guarda en horario de 9:00h a 21:00h.

Dentro da programación das Festas do Carmen o grupo A Boalleira da Gándara fará un pasarrúas pola mañá e pola noite celebraráse no Porto da Guarda unha gran verbena coa orquestra Alaska e o grupo Zeltia.
Tamén na xornada do domingo o Estadio Municipal da Sangriña congregará a numerosos deportistas na VIII edición do Torneo de Fútbol 7 Vila da Guarda, un evento no que colabora o Cocnello da Guarda, a Escola de Fútbol Alameda, GD Miño e Avelaiña.

Luns 16
Seguindo coas Festas do Carmen, a banda de música da Agrupación Musical da Guarda fará un pasarrúas pola mañá e sobre as 11:0 0h sairá dende a Igrexa Parroquial a procesión do Carme ata a carpa do Porto, onde se celebrará unha Misa Solemne cantada pola Coral da Terceira Idade do Clube de Pensionistas da Guarda. Ao remate da misa, e como ven sendo costume, realizarase no porto a Ofrenda Floral aos Náufragos, para continuar en procesión novamente ata a Igrexa Parroquial. Ás 18:00h terá lugar un concerto do grupo de acordeóns Mascarenhas e a continuación a actuación da Orquestra Tradicional e Pandeiretas O Fiadeiro

Sen dúbida unha fin de semana na que gozar da Guarda, do deporte, da súa cultura, da música e das súas festividades. Recordamos que o Luns 16 é festivo local.

© 2015 Comarcasnarede.es Todos los derechos reservados