Ardentía e Milladoiro, este sábado na Guarda en «Noites no Castelo»

A Guarda organiza, para esta fin de semana, unha nova edición de «Noites no Castelo», unha iniciativa organizada pola Concellería de Cultura que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, e que ten como escenario o incomparable marco natural que ofrece o Castelo de Santa Cruz, recuperado do esquecemento polo Goberno guardés e declarado Ben de Interese Cultural. «Noites no Castelo» presenta, este ano, un auténtico cartel de luxo: Ardentía e Milladoiro.

Ardentía será a encargada de abrir as «Noites no Castelo» ás 21:30 horas. A formación, nada en Vigo en 1990, foi quen de incorporar á música tradicional galega instrumentos que, habitualmente, non formaban parte das formacións de música folk do país, como o bibimbau, o clarinete ou a requinta.

Xá cara as 23:30 h da noite está prevista a actuación de Milladoiro, un dos grupos máis importantes de Galicia ─senón o máis importante─ e que a finais dos 70 comezaba un traballo, seguido posteriormente por moitos, de recuperación da música tradicional galega. A Galicia de Maeloc (1979), o seu primeiro traballo, iniciaba unha época de recuperación da entón denominada "música celta". Milladoiro, que conta aínda nas súas filas con tres dos músicos da súa formación orixinal, ─Xosé V. Ferreirós, Nando Casal e Moncho García Rei─ subirá ao escenario para facer un percorrido por unha traxectoria de máis de 35 anos, rememorando as mellores cancións dos seus 20 traballos discográficos e as novidades de Atlántico o seu último disco editado este mesmo ano.

O Festival Noites no Castelo consolídase xa como unha cita musical ineludible do calendario de verán do Concello da Guarda, pasando polo seu escenario grupos coma a Banda Crebinsky, o gaiteiro Xosé Manuel Budiño, a cantante Mercedes Peón, a gaiteira Susana Seivane ou o grupo folk A Roda.