A Guarda homenaxeou aos asasinados no campo de concentración de Camposancos

O xoves 18 de outubro, seguindo a tradición de todos os anos, o sindicato das Comisións Obreiras, xunto co Concello da Guarda, realizou unha homenaxe en memoria das persoas asasinadas no campo de concentración de Camposancos durante a Guerra Civil. O acto de homenaxe, no que participaron preto dun centenar de persoas, tivo lugar na fosa común do cemiterio de Sestás.

Logo dunhas verbas do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e de representantes do sindicato CC.OO, fíxose unha ofrenda floral contando coa participación de grupos políticos con representación municipal así como as asociacións culturais e sociais do Concello de A Guarda.

Posteriormente, ás 19:00 h, tivo lugar unha charla-coloquio no Centro Cultural onde José Antonio Uris Guisantes e Carlos Ucha disertaron sobre a historia do campo de concentración de Camposancos e, por extensión, da represión da ditadura franquista, engadindo aspectos desta época e tamén establecendo paralelismos e reflexións sobre o contexto da situación actual.