Amplo abano de actividades na Guarda para celebrar o Día de Rosalía

Un 24 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro, a escritora máis representativa da literatura galega, e é por iso que o 24 de febreiro é o día escollido para rememorar a súa obra e figura en toda Galicia. Dende a Concellería de Cultura do Concello da Guarda, cada ano se preparan variadas actividades nas que se busca a implicación de diferentes colectivos, moi especialmente o alumnado dos diferentes centros. Para este ano 2019 contarase coa participación das asociacións, hostaleiros e público en xeral con diversas actividades.

As actividades arrancan xa este venres pola mañá no Centro Cultural cunha obra de teatro de monicreques sobre «A Viaxe de Rosalía», na que participan os Colexios da vila.

Na xornada do sábado 23 de febreiro ás 20:30h. o Centro Cultural acolle o concerto-recital do grupo Evoéh, sexteto musical que amosará unha coidada versión musical dos poemas de Cantares Galegos de Rosalía de Castro, a entrada será de balde ata completar o aforo. O Concerto de Evoéh, baixo o concepto de «Árbore da vida» é un proxecto de investigación, recopilación, reelaboración e creación baseado na obra “Cantares gallegos” de Rosalía e nos traballos musicolóxicos galegos que datan dese momento. Evoéh leva a obra de Rosalía a unha nova dimensión musical, sumerxindo ao público na atmosfera emocional de Rosalía. Sen dúbida, unha ocasión inmellorable para achegarse a súa figura e comprendela mellor, ademais acompañado de recitais a cargo de veciños e veciñas da Guarda.

Un total de 11 restaurantes, taperías, cafeterías e bares participan do 22 ó 24 de febreiro na iniciativa “CALDO DE GLORIA” que promove a Fundación Rosalía de Castro entre todos os hostaleiros do país. A proposta consiste en ofertar dentro dos menús habituais, a carta ou como tapa, o «Caldo de Gloria», receta que aparece dentro do poema “Miña casiña, meu lar” no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.

Os establecementos participantes nesta iniciativa son La Casilla, Casa Aquilino, La Pizzicata, Tapería Arruaz, As Pozas, ¿Y la Luna?, Marbella, Enxebre, Alborada, Camping Santa Tecla y Brétema.

Doutra banda, a Concellería de Cultura convída a participar na iniciativa «Rosalía nas Redes» entre o 21 e o 28 de febreiro. Só tes que facer unha gravación musicando ou recitando un poema, ou versión musicada de Rosalía de Castro da túa elección e compartilo no facebook e no twiter baixo o hashtag #Rosalíate #Aguarda etiquetando a @culturaguarda.