Atún de anzol de Orpagu, unha 'delicatessen' en tres formatos

A Organización de Palangreiros Guardeses (ORPAGU) volve ao Salón Gourmets, de Madrid, coa súa conserva de atún de anzol capturado pola súa frota en caladoiros de altura e gran altura. Despois da presentación da conserva o pasado ano neste encontro internacional de tendencias gastronómicas, os palangreiros guardeses volven ao salón para fomentar a comercialización da conserva nos seus tres formatos: ventresca, lombos e migas.

Coa campaña Atún de Anzol. Artesanal. Saudable. Premium, ORPAGU busca potenciar a comercialización das distintas conservas no mercado nacional e internacional. Para a promoción, a organización conta co apoio do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

O seu paso polo Salón Gourmets, con caseta propia no espazo da Xunta de Galicia (Pavillón 6), levará a ORPAGU a manter reunións empresariais con varias comercializadoras punteiras en España. As reunións con cadeas de supermercados, canles horeca, espazos gourmet, etc, servirán para facilitar o posicionamento do produto nos seus lineais de venda.

Showcooking e receitario
O vindeiro mércores, no marco da feira, ORPAGU ofrecerá unha degustación de Atún de Anzol na Sala de Catas da caseta da Xunta de Galicia coa recoñecida chef Emma Pinal. Ademais, para a ocasión, os restaurantes da Guarda, localidade da que é orixinaria a organización, colaboraron na elaboración dun receitario. Nel, o público poderá atoparse con propostas tan variadas como Huevos de codorniz y tomate cherry rellenos de ventresca de atún, Tosta de queso de cabra con ventresca, Aguacate relleno de atún ou Ventresca de atún con mango.