A Guarda prepárase para a semana grande das Festas do Monte 2019

A Guarda acolle do 5 ao 12 de agosto as «Festas do Monte 2019», celebración catalogada como Festa de Interese Turístico de Galicia, unha semana chea de actividades culturais, deportivas e de ocio e tempo libre. A programación de actividades arranca na xornada do sábado 3 de agosto cos torneos de Hockey e as Carreiras Pedestres.

O luns día 5 de agosto celebrase o Pregón ás 20:00 h na Praza do Reló, que correrá a cargo de María Nava Castro Domínguez, directora da Axencia de Turismo de Galicia. Pola noite verbena coas orquestras América SL e Xacobeo na Alameda da Guarda.

Para a xornada do martes día 6 de agosto celebrase o Torneo de Fútbol Base do Sporting Guardés, un festival folclórico no Auditorio de San Bieito e pola noite verbena coas orquestras Israel e D´Moda.

O mércores día 7 de agosto celebrase a Marcha Cicloturista Popular, o Torneo de Fúbtol Sénior, o XIV Rock in Fervenza e pola noite verbenas coas orquestras Passarela e Limón.

festas do monte 2018 01

Na xornada do xoves día 8 de agosto terá lugar o XIX Campionato Exhibición de Xadréz ao aire libre e pola noite verbena coas orquestras Claxxon e Ibiza.

O venres día 9 de agosto as pistas deportivas do Codesal acollen o I Torneo de Petanca e pola noite verbena coas orquestras Galilea e Nazaret.

Como ven sendo habitual, na mañá do sábado terá lugar o Desfile Folclórico Tradicional e de Bandas Mariñeiras, un evento que congrega a milleiros de persoas entre a Alameda da Guarda e o Porto. Pola noite verbenas na Alameda coas orquestras La Oca Bang e Noche de Estrellas.

O Domingo é a subida ao Monte, na cal as Bandas Mariñeiras realizan os seus xuramentos con comida popular e posterior desfeita. Á noite verbena coas orquestras Ámbar e Azúcar.

festas do monte 2018 02

O luns 12 de agosto ás 24:00h terá lugar a Gran Tirada de Fogos de Luces no Porto da Guarda, coa que se pon o punto e final a unha semana de festexos.

Dende o Concello da Guarda pídese a colaboración cidadá "para que se respecten as sinalizacións que delimitan os espazos protexidos dun elemento patrimonial tan importante para a nosa vila como o é o Monte Santa Trega, evitando o uso da zona arqueolóxica para o xantar, de xeito que non se produzan agresións que provoquen danos nas estruturas".