A Guarda

'Achegas das Mulleres á sustentabilidade do Mar' chega á Guarda

Integrada no XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, A Guarda acolle dende este xoves e ata o domingo, 14 de xullo, a mostra itinerante da Deputación “Achegas das Mulleres á sustentabilidade do mar”, unha iniciativa promovida pola institución provincial en colaboración coa Universidade de Vigo para darlle visibilidade ao papel da muller no ámbito mariño. Así, a mostra poderá visitarse no Pavillón do Patrimonio, Reghiño (porto da Guarda) en horario de 11:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 21:30 h.

A Festa da Langosta da Guarda supera as previsións máis optimistas da organización

A Guarda acolleu esta fin de semana a XXIX edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, un evento gastronómico que congrega a milleiros de persoas no Porto da Guarda e no que se degustaron ademais moitos pratos da Cociña Mariñeira. Segundo datos recollidos dos restauradores participantes, en total servíronse preto de 500 kg de langosta nos 3 días de duración desta edición, destacando a masiva afluencia de comensais o que provocou que se superaran novamente as previsións e se esgotasen moitos dos 24 pratos ofertados.

Os guardeses envórcanse co Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

A especial situación xeográfica da vila, entre Galicia e Portugal, as técnicas de pesca tradicionais da localidade e o tipo de embarcacións empregadas históricamente polos guardeses son, segundo explicou o alcalde Antonio Lomba, "tres características que marcan a sigularidade deste encontro, fronte aos celebrados en anteriores edicións". No acto de presentación do evento, celebrado na tarde de onte no Concello, o rexidor destacou tamén a implicación dos guardeses co Encontro de Embarcacións Tradicionais.

Esa implicación amósase no feito de que a veciñanza decorou as fachadas de vivendas e escaparates de comercios con ornamentacións de temática mariñeira: "Deste xeito se estende o convite a toda a cidadanía para que esta XIV edición sexa todo un éxito" . Lomba rematou agradecendo o traballo de Culturmar e a inicitiva de Piueiro e do Instituto de Estudos Miñoranos para que A Guarda acollera o evento deste ano.

Pola súa banda, o presidente de Culturmar, Manuel García Sendón, agradeceu o apoio do Concello desde o primeiro momento e avanzou que xa son máis de 70 as embarcacións inscritas nesta edición do encontro, "unha festa que pon en valor a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de conservalo" .

Sendón tamén destacou o gran traballo da Asociación Piueiro e do Instituto de Estudos Miñoranos na construción do " volanteiro", unha embarcación tradicional que se cría perdida e que se recuperou agora con motivo do Encontro.

Os portavoces de Piueiro e do Instituto de Estudos Miñoranos, Joaquín Cadilla e Xosé Lois Villar, respectivamente, mostráronse agradecidos cos guardeses pola forma na que se envorcaron con este evento, á vez que destacaron a importancia de que un encontro destas características, "no que participan persoas de toda España e doutros países", teña lugar no Baixo Miño. Así mesmo, subliñaron que na cita guardesa estarán representadas toda a tipoloxía de embarcacións tradicionais que hai en Galicia".

Unha cita imprescindible do 11 ao 14 de xullo
A exhibición das embarcacións tradicionais de Galicia, xunto con algunhas doutras localidades españolas e mesmo algunha foránea, forma parte dun amplo programa de actividades culturais e lúdicas, organizado por Culturmar, Asociación Piueiro, Instituto de Estudos Miñoranos e Concello da Guarda, co patrocinio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través das consellerías de Mar, Medio Ambiente e Cultura e Turismo.

Actuacións musicais, obradoiros, exposicións, gastronomía e navegacións a bordo destes barcos que forman parte do patrimonio cultural conforman a atractiva oferta da celebración que terá lugar na Guarda do 11 ao 14 de xullo. O volanteiro recuperado pola Asociación Piueiro terá un protagonismo especial na celebración. Un traballo que foi posible gracias á colaboración de organizacións, empresas e entidades financieiras de Galicia e mesmo de Andalucía.

A praia guardesa de 'O Muíño' iza a Bandeira Azul

O sábado 29 de xuño tivo lugar o acto de izamento da Bandeira Azul na praia do Muíño coa que se marca o comezo da tempada de verán nesta recoñecida praia da Guarda ao contar co servizo de socorrismo dende o pasado sábado. Ata o areal guardés desprazáronse o alcalde, Antonio Lomba; o tenente de alcalde, Anxo Baz; a concelleira de Turismo, Bea Lomba; o concelleiro de Medio Ambiente, Xan Lois Lomba; a presidenta da Entidade Local de Camposancos, Mercedes Martínez e xunto cos socorristas izaron o distintivo co que conta esta praia emblemática da franxa costeira, Bandeira Azul e o de «EcoPlaya».

A Guarda cónvertese na capital gastronómica galega cunha nova edición da Festa da Langosta

Todo está disposto para que, esta fin de semana, os días 5, 6 e 7 de xullo, a Guarda convértase na capital da gastronomía galega cunha nova edición, a vixésimo novena, da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira. A afamada calidade da gastronomía guardesa fixo ampliar a oferta de pratos mariñeiros e así todos os visitantes poderán coñecer os excelentes produtos do mar e, como non, o bo facer dos restauradores guardeses.

Visitas guiadas ao Monte Santa Trega da Guarda en xullo, agosto e setembro

Ao igual que en anos anteriores coa chegada da tempada de verán, o Padroado do Monte Santa Trega organiza visitas guiadas para coñecer máis polo miúdo o patrimonio e a historia do emblemático monte guardés. As visitas guiadas realizaranse os martes, xoves, venres e sábados dos meses de xullo, agosto e setembro en horario de 11:30 h, 12:30 h e 17:00 h.

Suscribirse a este canal RSS