O Rosal reclama, na rúa, unha sanidade pública, digna e de calidade

“Reivindicamos e defendemos o dereito de toda a veciñanza do Rosal a unha sanidade pública, digna e de calidade”, dixo a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, ante os centos de veciños que encheron a Praza do Calvario respondendo ao chamamento ralizado dende o Concello para reivindicar unha sanidade pública e de calidade.

A alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández, dirixiuse aos concentrados, manifestando que “a sanidade pública é un dereito que ten que ser intocable e que nunca debera ser empregado de maneira partidista por parte de quen ten a responsabilidade de xestionar os recursos públicos. Trátase dunha cuestión transversal, dun dereito que temos na nosa condición de persoas humanas”, dixo.

Nese sentido, lembrou que O Rosal leva anos vendo como se precariza a atención primaria no municipio. Dende o falecemento da matrona titular, Xulia Suárez, no 2010, foron recortando servizos. “Por iso estamos hoxe aquí concentrados, para reivindicar e defender o dereito de toda a veciñanza do Rosal a unha sanidade pública, digna e de calidade. Estamos fartos de que se precarice a sanidade pública no noso concello”, reclamou.

o rosal sanidade 02

Así mesmo, engadiu que O Rosal é o concello do Baixo Miño cun peor rateo, en condicións normais, de pacientes por persoal sanitario. Así, dixo, o persoal médico ten un total de 4.701 pacientes repartidos entre tres profesionais, que atenden a 1.502, 1.643 e 1.556 persoas cada un, mentres a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda un máximo de 1.200 pacientes por médico.

Estas cifras xa de por sí negativas e precarias en termos sanitarios, vense agravadas en situacións de vacacións e baixas de persoal, xa que moitas veces non se repón ós profesionais. Nese sentido, Ánxela Fernández indicou que, agora mesmo, só dous médicos están atendendo a 4.701 pacientes.

“As consecuencias máis inmediatas desta decisión son a precarización da atención primaria coa redución do persoal sanitario, que conleva un retraso forte de ata case 20 días nas citas da atención primaria en moitos casos, así como que os veciños do centro de Saúde de San Miguel de Tabagón teñan que desprazarse ata o centro do Rosal para ser atendidos”, denunciou a alcaldesa, lanzándolle unha pregunta á Consellaría de Sanidade e ao SERGAS, “acaso no verán podemos elixir non poñernos enfermos?”

Do mesmo xeito, relatou os pasos que leva dado o concello diante da Consellaría de Sanidade e do SERGAS dende que tomou posesión como alcaldesa, manifestando que só obtiveron unha resposta tipo por parte do SERGAS, alegando falta de persoal. Así mesmo, manifestou que seguen esperando ser recibidos polo conselleiro Vázquez Almuiña, cita solicitada o pasado 5 de xullo nunha reunión de todos os alcaldes do Baixo Miño, despois de analizar a situación sanitaria na comarca.

A alcaldesa rosaleira rematou manifestando que “a sanidade pública é un ámbito que supera o ámbito competencial do concello. Non obstante, dende aquí quero trasladarlle á Xunta de Galicia, quen ten a responsabilidade de resolver esta situación”, e insistiu en que dende o goberno municipal defenderán o interese colectivo, “loitando pola defensa do que consideramos un dereito e unha necesidade básica da nosa veciñanza, o dereito a unha sanidade pública, digna e de calidade”, reclamou.