A praza do Calvario do Rosal, corazón dunha rede peonil

O Estudo de Mobilidade e Espazos Públicos (EME) de O Rosal, documento encargado e financiado pola Deputación de Pontevedra para ordenar o espazo público e o tráfico da vila, propón a peonalización da praza do Calvario como espazo libre de coches. Segundo dixo hoxe na presentación o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, preténdese que a praza pase a ser o corazón dunha rede peonil, un espazo público de calidade no que se fomenten as relacións e a convivencia e se poida camiñar con comodidade e seguridade.

Benítez indicou que o EME supón unha “ferramenta de traballo para o concello que lle permitirá actuar a curto, medio e longo prazo nos seus espazos públicos e estradas de forma sustentable e eficiente”. Así mesmo, subliñou que se trata dun exemplo piloto para o resto dos municipios da provincia que aposten por aplicar o concepto da mobilidade sustentable, aos que a Deputación ofrecerá asesoramento e orientación.

O obxectivo principal do EME de O Rosal plantexa fórmulas para acadar unha relación máis harmoniosa entre os desprazamentos de vehículos e os usos do espazo público para a socialización, o desenvolvemento das actividades económicas e para o ocio. “Neste estudo queda claro que a Praza do Calvario é un punto central para O Rosal, un espazo no que se concentran grande parte dos servizos da vila, e que a súa reconfiguración facéndoa peonil pode potenciala como motor de dinamización social, económica e cultural. Non existe ningún problema para realizar a peonalización e priorizar o espazo para as persoas, xa que mellorará a calidade de vida da vila”, insistiu o nacionalista.

mobilidade o rosal 04

O Estudo de Mobilidade, que foi presentado hoxe publicamente, contou coa participación activa de axentes pertencentes a servizos e equipamentos públicos, axentes económicos e representantes da veciñanza e asociacións diversas, algo que Benítez cualificou de “fundamental para interpretar as necesidades reais da vila e realizar unha diagnose conxunta cos técnicos”. De feito, para chegar ás propostas concretas, fixéronse enquisas entre a poboación e celebráronse mesas de políticos, sectoriais, por actividades e de mobilidade, que se contrastaron cos datos técnicos obxectivos de número de vehículos que circulan pola vila, catalogación de espazos, estatísticas demográficas e mapeos feitos pola empresa redactora. A partir de aí constatáronse consensos, discrepancias, problemas e necesidades, oportunidades e fortalezas para O Rosal.

No Estudo de Mobilidade refléxase que o espazo urbano de O Rosal atópase fortemente condicionado polo vehículo rodado, chegando a ocupar case o 66% do espazo público da vila, relegando ao peón aos espazos residuais. Así mesmo, tamén se apunta que no proceso de participación houbo consenso en que o mellor modelo para a praza é a priorización do tránsito peonil na Praza do Calvario, e que será ben recibido un aumento de vexetación e dos valores medioambientais do espazo, a celebración de eventos e a ubicación de estacionamentos específicos para vehículos nas inmediacións.

Debe quedar claro, así mesmo, que ao pasar a praza a ser un espazo peonil o acceso e aparcamento de coches debe estar limitado a residentes con vivendas ou garaxes, vehículos de abastecementos ou de servizos vencellados ao concello e á biblioteca (non para o persoal funcionario), os vehículos de emerxencias, transporte público e vehículos de persoas con diversidade funcional.

mobilidade o rosal 02

Propostas
Outras cuestións principais de interese que recolle o estudo son a necesidade de reubicar e ampliar as prazas de estacionamento. Así, proponse potenciar o uso do aparcamento da Rúa Ramón Franco, reforzando a súa sinalización e incluso construíndo unhas escaleiras no extremo norte que enlacen directamente coa zona alta da rúa Ramón Franco. Tamén se propón aproveitar a Rúa do Casal e das rúas próximas á praza.

Por outra banda, tamén se estudou o estacionamento arredor do pavillón deportivo -onde é de interese estudar a implantación dun aparcadoiro regular con prazas ben delimitadas-, así como a posibilidade de habilitar a zona traseira do concello para poder deixar o coche en eventos puntuais (partidos, festas...).

Por outra banda, da peonalización do Calvario derívase o cambio “imprescindible” de sentido da rúa Simón del Mazo, que terá unha soa dirección cara á praza, enlazando Manuel Suárez coa rúa dos Cabaqueiros para completar o «rotor» en torno á mazá.

Por último, o documento tamén propón a xeración dunha malla para a mobilidade peonil segura diaria e por ocio entre parroquias e coa vila mediante a finalización dos itinerarios peonís seguros asociados ás vías principais do concello e a apertura de novas sendas peonís ou mellora das existentes. Formúlanse diferentes propostas como a mellora das beirarrúas actuais nas estradas principais e no núcleo urbano, a conversión de vías en plataformas únicas de prioridade peonil (as rúas que saen da praza do Calvario), e a creación de sendas paralelas nas vías principais, da adecuación de viarios menores e na implantación de novos camiños que pasen por zonas de valor cultural e etnográfico.