A Deputación achega o 100 % do «Plan Concellos» ao Rosal

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar por resolución presidencial a última achega ao concello do Rosal, no marco do «Plan Concellos 2017», dentro da súa liña 1 de investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial, presidida por Carmela Silva, achegará 6.695,73 € para equipar a rede informática do local do concello co fin de mellorar a súa seguridade.

Ao abeiro do «Plan Concellos 2017», anteriormente a institución provincial xa destinara ao Rosal outros 343.330,39 € na liña 1 para equipar o auditorio municipal, o taller de carpintaría e a recollida selectiva de lixo, así como para a mellora da estrada de Couselo e a urbanización da estrada da Devesa, para o tratamento de augas no depósito de Martín, para a adquisición dun vehículo para o servizo de vías e obras, dunha máquina fregadora para o Pavillón Municipal, dunha máquina de detección de fugas na rede de abastecemento e equipamentos deportivos e tamén para renovar o equipamento de megafonía do Pavillón Municipal e comprar tres terreos para a creación e mellora dos servizos municipais.

Á marxe da liña 1, outros 83.453,3 € en liña 2 para distintos gastos correntes e actividades como a Feira do Viño, a Festa do Cabaqueiro, a mostra da camelia ou a festa popular do Pilar. Finalmente outros 122.875,92 € en liña 3 para a contratación de 14 persoas nos distintos servizos municipais desta vila.

Coa suma desta nova achega, O Rosal xa recibiu da Deputación de Pontevedra o 100% do investimento que lle corresponde dentro do «Plan Concellos 2017», isto é, de 556.355,34 €, cifra que é un 8,16% superior a do 2016.