Tomiño inicia as actividades de verán coa participación de centos de nenos e nenas

Un centenar de nenos e nenas participan, dende esta semana, no campamento urbano organizado polo Concello de Tomiño dentro das actividades de verán. Todas as mañás, de 9 a 14 horas, as e os participantes debuxan, aprenden, fan manualidades, xogos cooperativos e un longo etcétera. Divididos en dous grupos, por idades (3 a 6 e 7 a 12 anos), comparten as súas inquedanzas con nove monitores, tres de eles en prácticas.

Esta semana realizaron actividades de cociña, amais de recibir a visita do mago «Samu», como novidades. Algúns repiten experiencia e outros veñen por primeira vez, como Xabi, 8 anos, de Barrantes, ou Marta, 9 anos, de Areas (Tui). Ao primeiro gústalle todo o que fan, mentres que a segunda prefire os xogos en grupo. Unha das monitoras, Lorena Méndez, de Chirlo Mirlo, corrobórao: “o que máis lles gusta son os xogos libres”.

Nesta semana comezaron tamén as actividades dos campus de tenis e padel, con máis de 50 persoas apuntadas. O monitor Fabián Gutiérrez Corvetto, salienta a aceptación "cada vez maior deste tipo de deportes até o de agora minoritarios", situación que no caso de Tomiño é posible tamén polas pistas da Área do Mosteiro, anexas ao colexio Pedro Caselles, arranxadas polo Concello recentemente.

campus tenis03

Paralelamente, están a piques de empezar outras actividades, coma o campus de rugby, piragüismo e fútbol; este último, do 16 ao 28 de xullo, nos campos do Regatiño e da Carballa, ou as actividades artísticas, para público infantil e adulto, organizadas polo Concello na Aula Museo Pintor Antonio Fernández, e outras nas que se conta coa participación do Grupo de Voluntariado Local, constituíndo un complemento ideal para a programación cultural de verán (O Son da Praza, visitas guiadas por rutas de valor ambiental, histórico, arqueolóxico, etc.).

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta o carácter "amplo e inclusivo" da axenda de verán, deseñada pensando en ofrecer actividades para todos os públicos, "de xeito que tomiñeses e tomiñesas teñan alternativas de ocio de calidade e, na súa maioría, de balde, durante a época estival". Asemade, dende o Concello búscase axudar a conciliar a vida laboral e familiar dos pais e nais que traballan fora da casa.