Tomiño leva a compostaxe aos centros escolares de de Infantil e Primaria

O Concello de Tomiño, na súa aposta pola mellora na reciclaxe de residuos e prevención, está a poñer en marcha ao longo do mes de maio, os composteiros dos centros escolares do municipio. O obxectivo, como xa se fixo no CRA (Colexio Rural Agrupado), é ensinar aos mais pequeno/as, como darlle outra vida ao lixo orgánico e de forma sinxela obter un bo compost para a horta, que ademais de mellorar a fertilidade, a estrutura e a humidade da terra, tamén proporciona melloras medioambientais e económicas.

Ao mesmo tempo, estanse desenvolvendo actividades para todo o alumnado de Infantil e Primaria, no marco do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, coa colaboración dos educadores ambientais do CEIDA e dos mestres composteiros do Concello (Plan Revitaliza). “A idea é ensinarlles, xogando, como separar os diferentes residuos, como se produce o compost, e que animaliños nos axudan a traballar no composteiro”, explica María Xosé Vázquez, concelleira de Medio Ambiente.

Ao final de cada actividade, entrégaselles un exemplar do libro editado co apoio do Concello, “Os Bolechas limpan Tomiño”, de Pepe Carreiro, onde os personaxes recollen o lixo, percorrendo os distintos colexios e lugares emblemáticos de Tomiño, depositándoo ao final no colector correspondente.