Medio centenar de persoas benefícianse dos cursos organizados polo Concello de Tomiño

 A técnica local de emprego, Maricarmen Fernández, e as técnicas-docentes de Radio Ecca, na xuntanza mantida no Concello días atrás para avaliar os resultados A técnica local de emprego, Maricarmen Fernández, e as técnicas-docentes de Radio Ecca, na xuntanza mantida no Concello días atrás para avaliar os resultados

Máis de 50 persoas aproveitaron os cursos de preparación dos exames de ESO, ciclos medios, superiores e de competencias clave, organizados polo Concello de Tomiño, co fin de achegar formación a aquelas persoas que interromperon os seus estudos secundarios ou primarios por diferentes causas. Repartidas case por igual con respecto ao xénero, o 60% das persoas que se apuntaron a clases o curso pasado, tiñan entre 25 e 45 anos; habendo un 20% de menores de 25 e outro tanto de maiores de 45.

A docencia estivo a cargo esta vez de Radio Ecca, que desenvolveu o seu traballo de formación a través dunha aplicación on-line e só dúas clases presenciais á semana. O esforzo das persoas máis constantes e que non faltaron practicamente a ningunha clase, viuse recompensado cos aprobados a todos os ámbitos da ESO ou, ao menos, a algúns deles, o mesmo que ocorreu nas probas para o acceso aos ciclos medios e superiores.

O Concello está apuntando xa para o vindeiro curso que comezará a principios de outubro de 2019. As persoas interesadas poden inscribirse ou informarse na Oficina de Desenvolvemento Local de Emprego do Concello de Tomiño.

A concelleira de Educación, Cristina Martínez, salientou a aposta decidida do Concello "pola accesibilidade á formación de todas as persoas; compromiso desta e das anteriores lexislaturas do goberno local".