'As nosas amigas as prantas' inicia unha nova andaina nos colexios de Tomiño

O Concello de Tomiño e Acubam veñen de iniciar a terceira edición do Programa Infantil 'As nosas amigas as plantas' nos Centros Educativos do municipio. Os obradoiros iniciaronse o pasado martes cunha primeira sesión no CEIP Sobrada no que participaron tres aulas correspondentes ao grupo infantil de 3, 4 e 5 anos. O xoves tocoulle o turno ao CEIP Pintor Antonio Fernández e a vindeira semana tocaralle o turno ás aulas do CRA Manuel Garcés.

No proxecto participarán todos os centros educativos de infantil e primaria, serán polo tanto máis de 300 nenos e nenas de Tomiño os que se beneficiarán dunha actividade que forma parte da programación da XIII Mostra de Cultivos do Baixo Miño que este ano se celebrará o 2 e 3 de abril no Pavillón de Goián.

O proxecto 'As nosas amigas as plantas' inclúe cinco sesións nas que o alumnado aprenderá de forma lúdica-didáctica o valor do rural e do sector primario.
Así, na primeira sesión aprenderán a plantar unha planta nunha bota en desuso que logo será exposta na 13ª Mostra de Cultivos.

obradoiros plantas02Na segunda sesións os nenos e nenas farán debuxos con legumes aproveitando que o ano 2016 foi decretado pola FAO o ano internacional das legumes. A terceira sesión, terá por obxectivo a xerminación dunha legume, concretamente dun chícharo. Cada neno plantará o legume e irán observando os cambios ao longo do tempo.

Na cuarta sesión os nenos e nenas crearán un puzzle sobre legumes caracterizadas por ser tubérculos como a pataca, a cenoura ou a cebola, de forma que o puzzle supoña relacionar o tubérculo e a parte aérea da legume que os nenos habitualmente non ven. Finalmente, a quinta actividade estará dedicada á aprendizaxe dos diferentes residuos e de como facer compost.

O Concello de Tomiño e Acubam están a traballar nesta vindeira edición da Mostra de Cultivos que voltarán cunha nova programación dirixida ao sector profesional e a público en xeral.