A Mostra de Cultivos do Baixo Miño apostou pola innovación no sector

Por primeira vez a Mostra Cultivos do Baixo Miño contou cun stand de innovación destinado a promover a competitividade empresarial en Galicia e Norte de Portugal. Un espazo no que as empresas expositoras puideron presentar as súas primicias, tanto de produción coma de distribución de planta ornamental e maquinaria auxiliar.

En concreto, nove foron as empresas que presentaron interesantes innovacións. Segundo os datos facilitados por Acubam (Asociación Cultivos do Baixo Miño), organizadora da mostra, a firma Xargal presentou un decantador de grava con medidor de temperatura, cloro e PH. Hifas da Terra presentou árbores micorrizados de gran porte para cultivo de boletus e níscalos, Verdeneiva (de Alvaraes. Portugal) presentou atractivas plantas en vaso.

Pola súa banda, o viveiro Cultivos Casaíta expuxo tres plantas de tronco en espiral: Ficus Buda, Domando Egos e Arce. Río Tollo presentou unha hortensia que florece catro veces ao ano, chamada Magical Four Seassons.

A firma Plan IdGa levou ao stand novas cores e formas de plantas en maceta coma a surfinia, o tulipán “Barcelona” e o “World Favorite”; xeranios con tonalidades diferentes e resistentes a enfermidades, ademais doutros híbridos interpacíficos que son cruce de zonal e peltatum.

Raiz da Terra (de Vila Praia de Âncora. Portugal) presentou unha nova variedade de planta orixinaria de Irlanda, apta para climas fríos, “Crisalinea green”, e Viveiros da Barxa dúas gramíneas ornamentais, Festuca Glauca e Uncinia Rubra.

Por último, entre as empresas auxiliares do campo, Talleres El Milagro sorprendeu aos agricultores cun soprador eléctrico de mochila, con importantes melloras de suxeción e comodidade de apagado e encendido desde as empuñaduras.

A XIII Mostra Cultivos Baixo Miño, pechou deste xeito as súas portas cun balance moi positivo: máis de 3000 visitantes e un incremento dos contactos comerciais superior ao 40%. Outro punto forte desta edición foron as conferencias, ás que asistiron unhas 300 persoas relacionadas co sector, propiciando un ambiente profesional na mostra. Antón Vázquez, inspector de Sanidade Vexetal, impartiu unha charla que suscitou multitude de preguntas entre os asistentes, amosando a preocupación do sector agrícola pola situación fitosanitaria actual.