A Asociación Cultivos Baixo Miño, acuBam, en Iberflora 2017

A Asociación Cultivos Baixo Miño, acuBam, vén de confirmar a súa presenza en Iberflora, o gran evento profesional do sector verde en España, os vindeiros 4, 5 e 6 de outubro para promocionar a «XV edición da Mostra Cultivos Baixo Miño».

Iberflora é, sen dúbida, o gran evento profesional do sector verde en España. Unha feira anual que se celebra en Valencia coa maior oferta comercial e formativa dentro do negocio da planta, flor, paisaxismo, xardinería, tecnoloxía e bricoxardín, ademais de xornadas técnicas, exposicións, congresos, demostracións, premios, exhibicións,...

O stand de acuBam será un punto de divulgación e promoción da comarca do Baixo Miño como terra de cultivos. “O noso obxectivo é informar ao visitante de toda a oferta existente na zona e a potencialidade produtiva das empresas integrantes da asociación” aseguran dende acuBam.

A Asociación asegura que a presenza en «Iberflora» supón “unha ocasión indispensable para presentar a Mostra Cultivos Baixo Miño 2018 a todo o mercado nacional e internacional da planta e flor”.