O cineclub Poleiro proxecta a obra mestra de François Ozon, «Frantz» en Goián

O vindeiro xoves 14 de decembro, o cineclub Poleiro proxectará «Franzt», considerada como o mellor traballo do director galo François Ozon, proxección que terá lugar no auditorio de Goián ás 21.30 horas. Trátase dunha película pacifista sobre a culpa e a relación entre vencedores e vencidos no final da I Guerra Mundial na que Ozon desprega un inesgotable arsenal de ferramentas estilísticas e narrativas que imprimen ao filme unha gran forza visual, xogando co banco e negro e coa cor.

Nomeada ao «Premio do Cine Europeo» e gañadora do «César» á mellor fotografía, o director consegue ocultar baixo unha aparencia de sobriedade un torrente de artificios formais e narrativos.

A película ten como escenario unha pequena cidade alemá pouco tempo despois da I Guerra Mundial. Anna vai todos os días a visitar a tumba do seu prometido, Frantz, caído durante a guerra en Francia. Un día, Adrien, un misterioso mozo francés, tamén deixa flores na tumba. A súa presenza suscitará reaccións imprevisibles nunha contorna marcada pola derrota de Alemaña.

Por outra banda, o vindeiro 11 de xaneiro o cineclub Poleiro proxectará o filme titulado «O viaxeiro» ou «O cliente», do director iraní Asghar Farhadi, gañadora do Óscar á mellor película de fala non inglesa, do National Board of Review e do Satellite Awards á Mellor Película de Fala non Inglesa.

el viajante01

Asghar Farhadi, conversa cos protagonistas de «O viaxante (O cliente)», Shahab Hosseini, á esquerda, e Taraneh Alidoosti, durante unha pausa na rodaxe

«O viaxeiro» é un magnífico traballo de Farhadi, do que falaba o noso colaborador Alex Tielas na súa sección «El rincón del cinéfago» aló polo mes de marzo con motivo do fallo dos Óscar. Asghar Fahardi xa tiña outro Óscar no 2012 coa película «Nader y Simin: Una separación», que tamén estivo nomeada para o Óscar ao Mellor Guión Orixinal.