Dous estudantes de Goián, finalistas do «VI Certame de Relatos Curtos» da FANPA

O autor e autora dos relatos seleccionados no VI Certame de Relato Curto da FANPA, coa súa titora, Marina Vidal O autor e autora dos relatos seleccionados no VI Certame de Relato Curto da FANPA, coa súa titora, Marina Vidal

Dous estudantes de sexto curso do CEIP «Pintor Antonio Fernández» de Goián, no concello de Tomiño, veñen de ser seleccionados como finalistas no Certame de Relato Curto, organizado pola Federación Provincial de Anpa de Centros Públicos de Pontevedra (FANPA), convocatoria á que se presentaron, nesta sexta edición, un total de 1.098 traballos. Os relatos serán editados nun libro pola editorial Kalandraka xunto ao relato feito expresamente para o certame polo escritor Antonio García Teijeiro.

A participación nesta sexta edición do Certame de Relato Curto, incrementouse máis dun 20% respecto á edición anterior, chegando a eses 1.098 relatos presentados o que, por unha parte, da boa conta da importancia que esperta este certame, e por outra do magnífico traballo realizado polos dous estudantes do CEIP de Goián.

A participación neste certame, forma parte dun conxunto de actividades que os alumnos de sexto de primaria do CEIP «Pintor Antonio Fernández» de Goián están a realizar na área de Lingua Galega da man da súa titora, Marina Vidal, coa finalidade de traballar a expresión escrita.

A participación neste concurso supuxo "unha gran motivación para estes estudantes" que preparan xa o seu paso ao Instituto para cursar os estudos de educación secundaria. Marina Vidal, a súa profesora aseguraba sentirse "tremendamente satisfeita" do traballo realizado por todos os estudantes e quixo felicitalos "pola calidade literaria dos relatos gañadores".

No acto de entrega que terá lugar o próximo día 11 de xuño no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, os finalistas recibirán un exemplar do libro e un diploma acreditativo. Amais os relatos seleccionados serán publicados tamén no Diario de pontevedra.