Tui entra a formar parte da 'Red de Juderías de España'

Patio de la Casa de Salomón, na cidade de Tui Patio de la Casa de Salomón, na cidade de Tui

A Asemblea Xeral da Red de Juderías de España celebrada en Madrid acordou aceptar á entrada da cidade de Tui nesta entidade formada por 18 municipios. A partir deste mes de xuño, a red estará formada por 22 concellos xa que, ao mesmo tempo que Tui incorpóranse os municipios de Béjar, Sagunto e Lorca. A entrada efectiva dos catro novos membros farase na segunda asemblea da Red que terá lugar a finais de xuño.

Tui presentou o ano pasado a súa candidatura para entrar a formar parte da Red de Juderías de España coma un paso importante e imprescindible para seguir pondo en valor e promocionando o seu patrimonio vinculado á presenza de xudeus e xudeus conversos na cidade. O proceso incluíu a presentación dunha memoria, a defensa da candidatura e a visita á cidade do comité avaliador. Concluíu co visto e prace dando onte pola asemblea xeral onde a Comisión de Admisión de Cidades expuxo as súas conclusións.

Dende a Red de Juderías valoran o legado xudeu que Tui atesoura no que destacan os Sambenitos, pezas únicas en Europa, atopados na Catedral de Tui. Tamén a presenza da casa de Salomón na rúa Canicou, única na súa tipoloxía en Galicia, cun patio central arredor do que se distribúe a vivenda, xunto á menorá gravada na pedra do claustro catedralicio, que testemuña a relación existente entre a comunidade xudía e a cristiá.

juderia sanbenitos tui

Sambenitos que se exhiben no Museo Diocesano de Tui

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, explicaba que Tui entra así "nun grupo de cidades moi selectas en canto a patrimonio", o que "pon a Tui noutra división a efectos de promoción turística e patrimonial, e recoñecemento da importancia patrimonial e histórica que ten a cidade". Engadía que isto pode redundar na dinamización da economía de Tui con xeración de emprego e investimento, e pode ser quen de xerar investimento privado para a rehabilitación patrimonial.

Coa entrada de Tui na Red de Juderías avanzaba o alcalde que se deseñará un programa de actuacións encamiñados a cumprimentar os requisitos de pertencer á Rede e para aproveitar o potencial que representa, cun bo traballo de recuperación do patrimonio. Precisamente o Plan Director de Turismo, arestora en redacción, terá xa en conta esta pertenza á Red de Juderías de España.