A Banda da Escola Naval Militar de Marín, no Teatro Municipal

Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín

O Teatro Municipal de Tui acolle o próximo luns, 13 de abril, Luns de San Telmo, festivo local na cidade, un concerto da Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín. O concerto comezará ás 18 horas e as entradas, sen numerar, poranse á venda ás 17.30 h ao prezo de 4 €, no despacho de billetes. Unha vez comezado o concerto non se poderá acceder ao patio de butacas.

A Banda, dirixida por Francisco García Hurtado, está formada actualmente por 50 compoñentes, entre instrumentistas de madeira, metal e Percusión. O programa que interpretarán estará composto por Manuel Torres (pasodobre) de F.G. Hurtado; La Gioconda Bailable de Opera de A.Ponchielli; El paso del regimiento (marcha) de Robert Coverley; Let the bright Seraphim (aria) de F. Handel; Pique Dame (obertura)  de Suppe; Polonaise de Tchaikovsky; Aloumiños (suite) de F.G. Hurtado; Concierto –BWV- 1056 Largo (frauta) de Bach; La leyenda del beso (selección)  de Soutullo e Vert y C.N. Sobrino M. Militar de F.G. Hurtado.

A Banda de Música da Escola Naval Militar, creouse no ano 1940 en Cadiz previa ao traslado da Escola a Marín tres anos despois. Esta unidade actúa por unha parte en actividades de réxime interno da propia Escola Naval Militar rendendo honras, en paradas militares, xuras de bandeira, despedidas de buques e concerto. Pero tamén fóra da Escola actúa en concertos, procesións, e outros actos de índole castrense.

Por outra parte o luns, ás 18.30h, celebrarase unha homenaxe aos confrades de San Telmo falecidos durante o ano por parte da Banda de Guerra da Brilat Galicia VIII na Igrexa de San Telmo.