Tui, capital do cine documental internacional

Ata o vindeiro domingo, Tui é a indiscutible capital internacional do cine documental. Hoxe iníciase a segunda xornada de Play-Doc Festival Internacional de Documentais, que onte inauguraba a súa decimo primeira edición en Tui. Este festival, que pechará as súas portas o domingo 26, foi elixido o pasado ano nos Best Fest Film Series de New York como un dos dez certames de cinema máis excitantes do mundo.

Nesta décimo primeira edición, Play-Doc mantén a mesma filosofía de sempre: mostrar o cinema de non ficción máis fresco, apostando polas propostas máis innovadoras e independentes, que habitualmente non chegan aos circuítos comerciais. Películas que marcan tendencia, feitas, coma o festival, dende a máis absoluta resistencia cultural e económica. Porque independente é un bo adxectivo para definir tanto a liña editorial do certame coma os filmes que contén.

Os números falan: 32, 17, 7
Os números falan ben as claras da importancia deste festival. Este ano participan, 32 traballos en total, chegados de 17 nacionalidades, e divididos en 7 seccións, con algunhas novidades. A retrospectiva estará dedicada á francesa Claire Simon, referente do cinema directo, que intenta captar a realidade tal como se presenta. Amais de mostrar 7 títulos representativos do seu traballo, ofrecerá unha clase maxistral para explicar as características do seu cinema.

A sección oficial estará composta de 7 títulos, con maioría feminina detrás da cámara. Isto non debera ser noticia, pero lamentablemente a representación das mulleres nos festivais de cinema é case sempre moi baixa. Nesta edición de Play-Doc, 16 das 32 películas do certame están dirixidas por mulleres, un 50%, moi por enriba do que adoita ser habitual.

Como leva facendo dende os inicios, Play-Doc apostará polo cinema de Galicia, cunha sección específica que recolle os 7 títulos documentais máis destacados da tempada. As películas galegas independentes están a acadar un grande prestixio internacional, mediante a súa presenza e premios en festivais de cinema de probado prestixio de todo o mundo. O sector pasa por un momento especialmente doce no creativo, que o certame debe apoiar. Amais desta selección, ofrecerase unha mesa redonda en torno aos filmes que están pensados para non ser exhibidos en salas tradicionais, e si na Internet, en museos, ou noutros espazos expositivos.

Outro clásico do festival é Play-Doc Live! 1906, sección que combina un concerto xunto a un filme sobre o artista que sobe a escena. Nesta ocasión o músico luso The Legendary Tigerman virá presentar o seu último álbum, True, e o filme homónimo, sobre o proceso creativo do disco.

Novas seccións e premios
Da banda das novidades, as seccións Play-Doc Workshops e Resonancias. A primeira presentará tres traballos de cineastas que participaron en diversos obradoiros de edicións previas do festival, pois Play-Doc é tamén espazo de formación. En 2014 puxo en marcha, xunto á revista especializada A Cuarta Parede, un seminario sobre crítica, que mantén este ano, renovando temática, e engadindo Resonancias, a sección da crítica coordinada pola Asociación Convergencias de la Crítica Cinematográfica. O certame suma amais un novo premio da crítica outorgado por CAMIRA (Cinema and Moving Image Research Association). A través destes novos socios, Play-Doc intentará ser un espazo de encontro para a crítica, e de diálogo desta co público.

O festival completará a súa programación con dúas sesións especiais dedicadas a cineastas moi queridos. O 25 de abril, para celebrar o aniversario da Revolución dos Cravos, o certame acollerá a proxección de dous filmes do reverenciado autor luso Manuel Mozos. Amais, contará coa estrea española de Iris, último traballo do recentemente falecido Albert Maysles, lenda do cinema directo, ao que Play-Doc acolleu hai dous anos cunha intensa retrospectiva.