Tui acolle o inicio da xira da nova montaxe do Centro Dramático Galego, “Tartufo”

O Teatro Municipal de Tui acolle este venres, 21 de outubro, ás 21:30 h o inicio da xira galega do Centro Dramático Galego coa súa última montaxe “Tartufo”, revisión da obra escrita por Moliére no século XVII. Dirixida por Carles Alfaro, a representación levaranos a descubrir a historia dun home que finxe ser alguén que non é para conseguir algo que non lle coresponde.

Tartufo (Alejandro Saá) influirá a Orgón (César Cambeiro) e a súa nai, Madame Pernelle (Casilda Alfaro), membros da alta burguesía parisiense, co fin de ficar con todos os seus bens. Ao mesmo tempo, para completar a súa impostura, buscará casar coa filla de Orgón, Mariana (Marta Lado) á vez que seduce a súa muller, Elmira (Antela Cid). A trama complicarase, se cabe, aínda máis, segundo vaia avanzando e descubramos a existencia da filla de Orgón, Damis (Patricia Torres), da irmá de Elmira, Cleanta (Mónica García) e do namorado de Mariana, Valerio (Xoán Fórneas). Unha comedia de enredos que conta cos ácidos comentarios da criada de todos eles, Dorina (Rebeca Montero).

En definitiva, os dez actores subirán ao escenario para representar unha comedia ideada por Moliére, e agora revisitada, que non soamente cumpre a función de divertir aos espectadores, senón que posibilita unha segunda lectura sobre o que pode chegar a suceder cando un farsante se interpón entre o poder e quen o posúe co obxectivo de satisfacer os seus intereses persoais. A obra fálanos, en definitiva, do alcance das aparencias e das súas consecuencias na realidade máis próxima, do perigo de confundir a hipocrisía coa honestidade.

As entradas están á venda na web www.culturatui.info até este venres ás 12h ou dende ás 20.00h do venres no despacho de billetes ao prezo de 8 € e 6 €.