Logo
Imprimir esta página

A Aula UNED de Tui amplía a matrícula ata o 8 de novembro

A UNED, comprometida coa súa tarefa de universalizar a Educación Superior e facilitar aos seus alumnos a planificación e xestión dos seus estudos, vén de anunciar a prórroga do prazo de matrícula ata o próximo 8 de novembro, decisión que se suma ás adoptadas anteriormente na mesma dirección, tales como a apertura da matriculación no mes de xullo no canto de en setembro e a posibilidade de ampliar a matrícula en febreiro (do 1 de febreiro ao 8 de marzo de 2017).

A modificación deste prazo afecta os estudos oficiais de Grao, cursos de acceso, idiomas do Centro Universitario Dixital e a Distancia da UNED (CUID) e másteres ou cursos de Formación Permanente cuxo prazo permaneza aberto nestes momentos.

Durante o curso 2016/2017, a aula UNED de Tui, tutorizará os catro cursos do Grao en Psicoloxía e o curso de Acceso á Universidade para Maiores de 25 e/ou 40 anos. No devandito curso de acceso poderán matricularse aquelas persoas que non teñan a titulación requirida para o ingreso na Universidade ou no caso de persoas maiores de 40 anos, todos aqueles que acrediten experiencia profesional e laboral previa.

O proceso de matrícula realízase de forma totalmente on-line a través da páxina de matriculación da web da UNED. En canto ás formas de pago, a universidade ofrece unha opción de pago único bonificada cun 5% de desconto para os estudantes que se matriculen de, polo menos, 54 créditos, e unha segunda opción fraccionada.

Máis dunha decena de actividades de extensión
Máis aló da súa oferta de estudos oficiais, a aula UNED de Tui ofrece un amplo programa formativo que ten como obxectivo concretar a comunicación da universidade coa comunidade non universitaria. Durante o primeiro cuadrimestre do curso académico, a aula universitaria tudense programou máis dunha decena de actividades de extensión universitaria cuxa matrícula continúa aberta.

O 27 de outubro arrincará o curso Afrontamiento e toma de decisións: desproblematizando a túa historia. O venres 28 de outubro comezará un curso de francés comunicativo, e durante o mes de novembro a aula Universitaria tudense impartirá dous cursos dirixidos á comunidade educativa: un centrado na gamificación educativa e outro na paternidade e educación dos máis pequenos. A inscrición nestas actividades permanecerá aberta ata esgotar prazas.

© 2015 Comarcasnarede.es Todos los derechos reservados