Tui pon en marcha un “servizo lanzadeira” de taxis para achegarse ao Monte Aloia

Dende a Semana Santa, turistas, peregrinos e veciños que queiran achegarse ao Parque Natural do Monte Aloia, xoia medioambiental de Tui, contarán cun novidoso servizo de lanzadeira de taxis con prezos vantaxosos. O novo servizo xorde co acordo chegado entre o a Concellería de Turismo e a Asociación Taxista de Autopatronos de Tui polo que se establecen tres rangos de tarifa plana de subida e baixada ao Parque Natural.

A primeira delas terá un custe de 12 €, ida e volta, para visitas inferiores a 30 minutos. A continuación, o prezo será de 16 € cun tempo de espera de 30 minutos e de 20 € para visitas de 1 hora. Todas as viaxes teñen como punto de partida e destino a parada de taxis na rúa Camilo José Cela, ao carón do vello centro de saúde. Lógrase así unha redución significativa nos custes para os usuarios á vez que se dota dun servizo seguro, profesional e constante para a visita e promoción do monte.

Segundo apunta o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, o obxectivo é “promocionar un recurso turístico tan importante para Tui como o Monte Aloia” á vez que se “potencian as visitas ao centro de interpretación”. Así mesmo, “evítase o intrusismo” nestas viaxes, dando maior seguridade aos usuarios.

O Concello de Tui divulgará entre os visitantes este novo servizo a través de folletos e cartelería que será distribuída nos principais puntos de información.