O folclore de Xeorxia, Letonia, Kenia e México, mañá en Tui

Mañá martes, 25 de xullo, ás 21:30 h o Parque do Laxal en Rebordáns acollerá a «XVIII Noite Internacional do Miño», unha cita, plenamente consolidada, organizada pola Escola de Baile e Música San Fins de Rebordáns coa colaboración do Concello de Tui que permitirá que, este ano, veciñanza e visitantes poidan gozar de actuacións de grupos de Xeorxia, Letonia, Kenia e México amais dos propios organizadores pertencentes ao Centro Cultural San Fins de Rebordáns.

Xeorxia estará representada por TSU Folk Dance Ensemble University, unha agrupación fundada en 1996 por David Kikvadze que ofrece tanto danzas individuais coma de parellas e grupos, nas que destacan a forza, axilidade e os movemento audaces.

 

Pola súa banda, o grupo Folk Dance Ensemble Ritenitis de Letonia, creado en 1947, ofrecerá un repertorio no que inclúe danzas e xogos etnográficos de distintas rexións.

Dende a capital de Kenia chega o Nairobi Dance Esemble que representa as tradicións dos distintos grupos étnicos recollendo as danzas tribais que representan o matrimonio, o nacemento, a colleita...

O cartel complétase coa Compañía Mexicana de Danza Folclórica cuxo espectáculo se caracterizan por reflectir as tradicións, a ledicia, a paixón, o misticismo e o orgullo do pobo mexicano.