A Cabra do Monte, augurio da morte

Muita tradición oral e mitoloxía garda nosa terra galaica sobre a morte ou cando esta se achega, ata tal punto, que algúns estudosos desta temática, marcan noso pais despois de Exipto, como o segundo con máis cultura da morte e seus misterios.Vaise forxando así o fin dos camiños, do propio camiño da vida, na terra do 'fin do mundo', 'quen non vai de vivo vai de morto', ou onde 'se pon o sol', sol, que dende a antigüidade máis remota significa a vida, o círculo, o creador.

Nacen desta maneira, unha riquísima mitoloxía e seres vinculados a morte, que as veces, simbolizan a propia morte en persoa. Tal vez a máis coñecida a día de hoxe e máis espallada, sexa a Compaña ou Santa Compaña cristianizada, pero nas nosas terras do sur da Galiza en tempos atrás tiña ese peso de ventar a morte a Compaña só? A resposta é non, pois aquí temos outro ser, ben definido e espallado que era o autentico augurio da morte nestas terras.

Na miña zona, Ribadetea, e coñecida como a 'Cabra do Monte', pero segundo o lugar vai mudando de nome pero non deixa de ser a mesma alimaña. Coñecida en terras de Mondariz, oriente de Ponteareas e as Neves como 'Cabra da Morte', en terras de Salceda e Tui como 'Cabra Galleira ou Montesa', ou simplemente en lugares como Mos como 'A Cabra'.

"...cando se acerca as aldeas a cantar, alguén da zona vai morrer"

Segundo contan os máis vellos tratase dun paxaro nocturno, de gran tamaño que canta como unha cabra, e ten o don que cando se acerca as aldeas a cantar, alguén da zona vai morrer. Son muitos aínda a día de hoxe que aseguran súa existencia e que realmente 'venta a morte', e decenas as testemuñas en tódalas nosas aldeas da Paradanta, O Condado, Louriña ou Baixo Miño que aseguran haber tido experiencias con este éstrano paxaro.

E tan rico seu folclore oral, que ata me teñen contado persoas da miña zona que non todos os seus cantos son iguais, pois se canta unha cabra vella ou madura, que o máis normal, morrera unha persoa vella, pero pola contra se canta unha cría ou cabra nova, morrera na zona un novo. Tamén que cando esta canta durante noites no teu portal, se a consegues espantar, espantas tamén a morte da túa casa, e se tes unha persoa enferma nesta ou a morrer, salvarase do máis alá.

Non e doado identificar este ser cun paxaro biolóxico, inda que muitos o atribúen o moucho, pero teño entendido que o igual que outro paxaro da morte da zona máis desaparecido chamado o 'Raro', atribuído a curuxa, non son calquera moucho ou curuxa, senón que cando estes ventan a morte seu canto e diferente e soltan unha enerxía que estremecen as testemuñas que as presencian.

Na actualidade, as crenzas nestes seres se van perdendo peso aínda que nas zonas rurais os máis maiores creen que é real súa existenza, polo que merece ben a pena recordalas para que sigan facendo parte de nos mesmos estas historias que veñen dende un lexano pasado. Tentarei investigar máis para próximos articulos sobre o outro paxaro que ventaba a morte nas nosas terras, o Raro. Agora vos deixo con estas palabras de miña avoa, Divina Domínguez, a cal tivo de nova experienzas o escoitar este aterrador canto que venta a morte.

A Cabra do Monte non é un paxaro deste mundo, só aparece camuflada na escura noite nos redores da casa onde alguén que vai morrer durante varias noites, cantando como unha cabra ventando a morte, despois, cando a persoa morre, desaparece e non volta cantar máis.